Tanto a ANPA como o Claustro de Profesores interporán un recurso contencioso administrativo contra a decisión da Consellaría de Educación de ceder o campo de deportes do instituto para uso de aparcadoiro.
Convén lembrar que desde que se iniciou este problema, cando o recinto escolar foi cedido ao concello en período vacacional, a comunidade educativa amosou a súa oposición sen que as autoridades da consellaría tivesen en conta o parecer de pais, alumnos e profesores. De nada servían as críticas ante unha concesión administrativa que primaba o interese político do concello sobre as necesidades do instituto.
O colofón a este despropósito foi a cesión outorgada o 6 de setembro por un período de 10 anos prorrogábel ata os 75. Tampouco nesta ocasión se atenderon as queixas da comunidade educativa. O alcalde eumés, apoiado polo grupo socialista, solicitou a Educación a cesión do campo de deportes sen consultar antes o parecer do IES Fraga do Eume, algo que xa se pode definir como a marca de clase deste mandatario.
Fartos do menosprezo que amosaron tanto o Concello como a Consellaría, a ANPA e o Claustro deciden agora acudir aos tribunais para dilucidar a legalidade ou non desta medida. Abondan datos que apuntan a unha posíbel irregularidade: as condicións da cesión que no seu día fixo Portos de Galiza para construír o instituto foron conculcadas por ceder ou traspasar a terceiros uns terreos que foron prestados para uso escolar; as instalacións dos centros educativos só poden ser usadas para actividades educativas, culturais ou deportivas; e o instituto queda sen equipamento, obrigatorio por lei, para exercer as súas actividades.
Unha mágoa que sexan os profesores, pais e alumnos os que teñen que velar pola protección dos centros, unha tarefa que debería recaer, por lei, sobre as autoridades educativas. Pero tanto estas como os representantes do concello optan por esquilmar as instalacións do instituto para satisfacer demandas ilexítimas de determinados grupos de presión.