17 de maio de 2007

Na procura dos votos


Algúns pensarán que as cousas a partir de agora xa se poderán reconducir. O alcalde e o concelleiro de urbanismo deixan o concello e "morto o can , acabouse a rabia". Pero os cans empéñanse en demostar o contrario. Nas últimas semanas poidemos ver como se asinaron permisos dun xeito vertixinoso.
Primeiro foi a solicitude que presentou un empresario para recalificar os terreos nos que se asenta a súa empresa...e as propiedades colindantes dos veciños. Despois dunha forte contestación social, os representantes do noso pobo xustificáronse dicindo que descoñecían o alcance das propiedades recalificadas. Non sabemos se están a mofarse dos cidadáns ou só é un problema de incompetencia.
Posteriormente aproban dous grandes proxectos de urbanizacións que se levantarían en terreos rurais de Boebre, unha a carón da antiga e fantasmal urbanización de Ber, outra ao longo da costa de Boebre. A aprobación destas urbanizacións é o máis grande atentado medioambiental que partíu do equipo de goberno, máis incluso que a construción do "mamotreto" de Caldagueiro. Supón construir nunha franxa de varios quilómetros de costa máis de 400 vivendas. Un muro de ignominia fomentado polos que no reparan en medios para obter prebendas. Moi cuantiosas deben ser estas para sobrepoñerse ás críticas que os acompañarán na súa despedida da vida política.
Outros, os que se quedan, pretenden desligarse destes últimos movementos de formigoneiras. O cabeza de lista do BNG publica que o seu grupo non aprobou a urbanización de Ber e xustifica o voto positivo do seu camarada e concelleiro de urbanismo, Tino Regueiro, na autoexclusión deste da disciplina de partido. Pero o que non aclara é por que tamén el votou a favor da outra urbanización.
Lamentablemente non foi esta a única vez que apostaron pola cementación de Pontedeume. A nosa memoria inmediata lémbranos cando o BNG e o PSdeG concederon as licenzas de Caldagueiro, da casa de D. Pablo, do edificio próximo á estación, das vivendas en zona de protección costeira de Nogueirosa, en zona rural de Vizús, e en zona rural de Boebre. Case todas elas cun expediente de paralización que non se acatou. Cren estes señores que cun lavado de mans de última hora poden eliminar anos de inmundicia, desconsideración, soberbia e desprecio.
Catro anos delinquindo e só duas semanas de penitencia electoral. Pouca pena para tan grandes delitos.