7.5.07

Os partidos políticos o 6 de maio

Celebrada a manifestación en Compostela co lema "GALIZA NON SE VENDE" todo o mundo se decatou da ausencia dos partidos políticos, ou para ser máis exactos, dos prepresentantes dos partidos políticos.

Novamente, o que xa é un axioma da democracia, os políticos sitúanse de costas, cando non en contra, da sociedade civil. Nin siquera se pronuncian sobre a convocatoria. Defendela sería recoñecer o fracaso do seu labor como representantes desa sociedade; criticala suporía enfrontarse abertamente ao sector social máis comprometido. A solución óptima está no silencio. Un silencio que ao mesmo tempo lles permite sortear o malestar de conciencia de quen sabe que a corrupción añiñou nas súas entrañas.
Esta sociedade exixe un cambio radical na forma de entender o goberno os partidos politicos. Erradicar a idea de que os representantes políticos teñen carta branca para decidir, sen contar co sentir cidadán, sentir que día a día se expresa de múltiples formas, é unha necesidade inmediata. Hoxe é posíbel coñecer as demandas dunha sociedade civil, madura e con medios para organizarse e propoñer solucións aos problemas plantexados. Nunca houbo en Galiza tantos colectivos cidadáns e ecoloxistas cunha idea clara sobre como combatir os males que afectan ao noso territorio. As súas propostas deben substituír aos plantexamentos dos partidos, a ese falso pragmatismo que só agocha unha defensa inxustificábel do gran capital. A planta de gas de Reganosa deixa incontabeis beneficios a Tojeiro pero é unha ameaza seria para os habitantes da ría. As urbanizacións en Pontedeume só reportan riqueza aos promotores, despoxándonos aos eumese dunha paisaxe que forma parte de nós.
O que se cuestiona é para quen se goberna. E a pregunta é por que só se teñen en conta os intereses dos empresarios. Realmente cren os alcaldes e políticos que os intereses dos Tojeiros, Lagares e outros, coinciden cos intereses dos cidadáns? Se fose así teriamos que concluir que descoñecen os mecanismos que rexen as relacións mercantís na sociedade. Mais non parece esta a verdadeira razón. Unha aposta tan descarada polos intereses dos poderosos deben ter forzosamente unha contrapartida, e a esta chámaselle corrupción.

2 comentarios:

Carlos dijo...

Hai máis razóns. Os partidos que gobernan son de esquerdas, alomenos iso din. Cando goberna o PP, todos os partidos se apresuran a defender e apoiar mobilizacións como esta. Non digo que o fagan exclusivamente por ir contra os populares pero si realmente consideran que a causda é xusta, non deberían ter recelos en esixir unha solución ao goberno da Xunta, sexa da cor que sexa. ¿Ou acaso debemos aceptar que o PSOE e BNG sempre fan ben as cousas?
Que se saiba, unha aberración é sempre unha aberración, fágaa quen a faga.

manuel dijo...

Sen embargo, e anque concurrían so a título persoial, eu si puiden ver na manifestación a responsables de EU-IU, como a coordenadora nacional e o secretario de medio ambiente. Que non sairan na foto, como Beiras ou Encarna Otero, cando ademáis non é un partido con responsabilidade na Xunta, di moito destas persoas.-