29 de nov. de 2008

Unha historia común

Serei sincero e amosareime como o que son: un home preocupado polo futuro deste país. Teño unha empresa que atravesa momentos delicados. Como contrapartida esta está situada nuns terreos moi apetecibles para outros negocios. Ocórreseme pedir ao Concello que me aprobe unha recalificación dos terreos que me permita cambiar o negocio por outro máis produtivo. Ademais propóñolles a uns veciños que posúen terras colindantes coa miña que me vendan as súas propiedades. Tal e como esperaba estes non aceptan e ademais presionan ao alcalde do meu pobo para que non se aprobe a recalificación por min pedida, alegando que eu non teño dereito a decidir sobre as propiedades que non me pertencen, que o único que busco é quedarme coas súas leiras. Os moi inxenuos cren que vivimos nunha democracia na que todo o mundo ten o mesmo peso específico.
Non sei se son intelixente ou me movo polo instinto das aves rapaces. O caso é que eu xa tiña previsto que isto poidese suceder. Cando presentei o estudo para recalificar as miñas propiedades, tiven a xenialidade de encargarllo aos que naquel intre estaban a elaborar o Plan de Urbanismo do meu concello. O meu proxecto entraría no Concello por unha porta ou pola outra.
Se o alcalde dobregouse ás protestas dos veciños, agora non lle quedará máis remedio que asumir a recalificación como un feito consumado. Aos redactores do Plan de Urbanismo non lles importa, como cliente que son, recalificar os terreos da miña propiedade e máis as leiras dos veciños díscolos.
O seguinte paso será a expropiación. Por riba dos intereses particulares álzanse os do progreso, é dicir, os das empresas. Os veciños deben aprender que opoñerse aos poderosos homes de negocios atenta contra un sagrado dereito recollido na nosa Constitución: o libre mercado.