16 de feb. de 2008
Galiza non se vende
A perversión da linguaxe ten a súa orixe no afán por ofrecer como oportunidade o que ten un alto custo. A publicidade é a nova ciencia que excede o comercial e adéntrase na política. A clase gobernante, asesorada por sabios publicistas, quere demostrar con subterfuxios os beneficios de resolucións prexudiciais para os cidadáns. En Galicia, comunidade cun secular atraso económico, estamos padecendo unha falsa industrialización que ademais dos inxentes beneficios que produce aos empresarios, ocasiona a destrución do valor máis preciado que existe no noso país: o territorio. Nel vívese e del aliméntase a maior parte da poboación. As rías galegas acubillaron unha fonte inagotable de riqueza, o mesmo que o litoral. Outro tanto pode dicirse do rural, hoxe apetecido polos promotores empeñados en dotar con seis vivendas a cada recén nado. Para convencernos das excelencias desta nova forma de colonización, os nosos políticos non dubidan en defender estas iniciativas empresariais como pezas craves para o desenvolvemento de Galiza, cando en realidade, as piscifactorias, as macrourbanizacións, as plantas de gas ou as celulosas, non son máis que uns apetitosos negocios privados que esquilman a terra e destrúen os recursos que outrora servían como sustento económico, favorecían a cohesión social e contribuían á protección do medio ambiente. Se antes eran os exércitos os que conquistaban os territorios, hoxe son os promotores inmobiliarios. A usurpación das terras deixou paso á expropiación. As epidemias mutaron en contaminación. Os mesmos males agora ocultos baixo o eufemismo do progreso. Pero o silencio outrora dos galegos quedou roto polo grito de GALIZA NON SE VENDE. Un clamor que se repetirá o día 17 en Compostela.