20 de dec. de 2008

Reunión extraordinaria


Ate hoxe pensabamos que era o alcalde ou unha maioría significativa da corporación os que tiñan capacidade para reunir á corporación municipal. Isto non é así exactamente. Hoxe tivo lugar unha reunión entre todos os concelleiros de Pontedeume, por unha banda, e o responsábel de EINSA, pola outra. A xuntanza foi solicitada por este último e os representantes da cidadanía aviñéronse a escoitar a tan digno personaxe. Nada que obxectar se non fose porque non cremos que calquera cidadán poida convocar e reunir a toda a corporación para tratar un asunto persoal. Por se me equivoco apresurareime a solicitar unha reunión urxente dos concelleiros e alcalde para pedirlles que me autoricen a expropiar unha finca do meu veciño, un ignorante que non entende que a propiedade privada foi abolida polo liberalismo global.
O señor empresario non é capaz de transmitir aos seus veciños os beneficios que reporta a economía de libre mercado. Por iso pretende que sexan os políticos elexidos polos eumeses os que lexislen en beneficio dos seus intereses. O señor empresario entende que a democracia só se manifesta nas urnas e que logo o goberno responde a unha autocracia na que o poder absoluto recae nunha soa figura: a do empresario benefactor. Os mansos concelleiros (dos mansos será o reino dos ceos) escoitan os argumentos e, se poden, acatan. Ás veces nomean ao empresario fillo adoptivo da vila para testemuñarlle a pleitesía debida; outras aproban medidas para incrementar o activos da empresa; as menos, opóñense porque a cidadanía lles recorda quen os nomeou.
En calquera caso, a imaxe que se transmite é a dun poder político supeditado ao poder caciquil aínda vixente na nosa sociedade. Os primeiros caciques deron nome ao lugar de Andrade pero tamén nestas terras erguéronse as primeiras revoltas contra o despotismo practicado por aqueles. O conflicto de EINSA semella unha recreación moderna daquelas liortas.