2 de abr. de 2015

Festas de gardar ou a relixión como excusa

Hoxe, Xoves Santo, o cristianismo celebra unha das festas máis sinaladas pola igrexa católica, e o estado decreta esta data como festivo a nivel nacional. Porén, en Pontedeume as autoridades locais, moi dadas a participar nos eventos propios da Cuaresma, non teñen dúbidas en violar as sagradas institucións, relixiosas e estatais, para deixar constancia das obras que lles permitan asegurar a súa cointinuidade á fronte do Concello. Durante o día de hoxe, cuadrillas de traballadores están a pintar os pasos de cebra e sinais de circulación do centro urbán. 

Toda a actividade municipal das últimas semanas xira ao redor dun obxectivo: gañar as eleccións locais. E o goberno local leva a raxatáboa a máxima de que os fins xustifican os medios. Para eles presidir as procesións é un paripé máis das ataduras da diplomacia pero sempre debe prevalecer a política sobre as crenzas. Ao fin ao cabo a relixión non é máis que un instrumento ao servizo do poder e se hai que celebrar a morte de Cristo traballando, pois se traballa. Cristo sempre foi considerado un tonto útil do que botar man cando é necesario pero ao que hai que ignorar cando interesa.