31 de mar. de 2015

Hiperactividade municipal

Suponse que é a proximidade das eleccións pero o certo é que se respira no ambiente un trastorno de hiperactividade por parte dos mandatarios locais en Pontedeume. Esta patoloxía, tan de moda, caracterízase por un exceso de actividade, unha conduta compulsiva e por unha falta de atención e negativa a recibir instrucións.  Síntomas estes facilmente recoñocibeis nos membros da corporación municipal. 

Acaba de aparecer nos buzóns da vila un pseudoxornal "municipal" no que se recollen os logros e futuras actuacións do goberno local: reforma do mercado municipal, aparcadoiro do instituto (eles chámano da gasolineira posiblemente para restarlle gravidade á expropiación escolar), obras do firrete, renovación da ponte de pedra, alameda de Raxoi, illas ecolóxicas de residuos, campo da Gándara, etc. etc. etc. Todo o que non se fixo en 8 anos vaise executar en poucos meses. E iso que a lei prohíbelles facer inauguracións en período electoral, un impedimento que o Concello de Pontedeume do Sr. Torrente sabe sortear de forma legal. 

Pero o que xa non parece tan legal é a forma en que todo isto estase a producir. Primeiro, o devandito panfleto é totalmente anónimo. En ningunha páxina mencíonase quen o publica, violando así a lei de prensa e imprenta. Esta lei obriga a todas as publicacións a recoller o lugar e ano da impresión, amais do nome e domicilio social do impresor e do editor ou autor. 

Os autores da publicación xogan coa ambivalencia dos vocablos para atribuír ao goberno local a autoría pero sen collerse as mans. Por exemplo, encabézase a primeira páxina como unha publicación municipal sen aclarar se o termo municipal é relativo ao consistorio ou ao entorno xeográfico. 

E quen paga todo isto? Unha pregunta que o alcalde debe responder se quere desmentir as sospeitas de que o gasto foi a conta das arcas municipais. Sería unha auténtica barbaridade que o Sr. Torrente incorrese nunha falta tan grave, a de publicitarse electoralmente con cargo ao erario público. 

E por último, como é posíbel que os funcionarios de Correos repartisen este pseudoxornal cando non vén selado ou con membrete de franqueo pagado? Foron os carteiros conminados a realizar este traballo? Está Correos ao tanto deste reparto? Cobrou o organismo estatal as taxas do franqueo?

Nada do que suceda en Pontedeume pode abraiarnos. Ese é o gran problema desta vila.