16 de abr. de 2015

As raíces da corrupción



Non sei se noutros países pode darse tanto despropósito; non sei se a cidadanía é consciente da manipulación á que  é sometida por parte do poder político; non sei se existe alternativa a curto prazo para que unha sociedade sexa libre de decidir por se mesma o seu destino. O que si é certo é que mentres os que detentan o poder o fagan con criterios mesquiños e á marxe da legalidade, non imos avanzar na consecución dunha sociedade máis democrática.

Hai varios anos, cando gobernaba na Xunta o bipartito, o entón alcalde socialista de Pontedeume solicitou as autoridades educativas o uso do campo de deportes do IES Fraga do Eume como aparcadoiro. Un informe xurídico encargado polos responsabeis de Educación concluíu que dita cesión non se axustaba á lei que regulaba, e regula, o uso ao que estaban destinados os recintos escolares. Daquela impúxose o criterio legal sobre o a demanda interesada do Concello. Porén, cambian os gobernos e cambian os criterios. Os populares do PP decidiron materializar a cesión menosprezando o ordenanza xurídica. E isto é o repudiábel da situación. Aquí reside a orixe da corrupción que devasta o país. Suponse que as leis son de obrigado cumprimento para todos os cidadáns, en especial para os que as ditan: os poderes públicos. A realidade é teimuda e demóstranos que son estes precisamente os que eluden as normas que regulan a vida social.

Por isto resulta altamente gratificante a actitude da comunidade educativa do instituto que, nun acto de dignidade, rebélase ante os abusos daqueles que fan uso da corrupción sen amosar vergoña nin pundonor.  Pais, nais e profesores están a darlle aos alumnos do centro escolar unha das mellores leccións que poden recibir nestes tempos de indignidade e indecencia. Quizais aínda poidamos albiscar algunha luz en tanto horizonte sombrío.