20 de abr. de 2015

Indecente propaganda electoral

Cando o alcalde de Pontedeume necesita pregoar aos catro ventos calquera panfleto electoral que se lle ocorra, non ten mais que acudir aos medios de comunicación para que, sumisamente, o fagan. 

La Voz de Galicia publica a un mes das eleccións minucipais toda unha serie de obras que Torrente vai acometer para limpar a imaxe negativa adquirida durante 8 anos de inactividade. Agora tócalle o turno ao mercado municipal do que se dí vai ser un referente económico e turístico para Pontedeume. Obvia, iso si, o dano irreparábel que supuxo para a economía local o peche inxustificado do anterior mercado.  

O proxecto, curiosamente, está asinado polo mesmo arquitecto responsábel do PXOM, do cal sabemos que non consiguíu o visto bo da Xunta para ser aprobado definitivamente. Quizais pola cantidade escandalosa de recalificacións urbanísticas que buscan favorecer intereses privados en lugar de beneficios publicos. 

Caben moitas preguntas, deixando de lado a vergoñenta utilización do reclamo electoral. Por que se decide encargar a un estudo de arquitectura un proxecto que xa existía e fora elaborado por Mercasa. Como se xustifica un gasto desta natureza sen dar pábulo a pensar en posibeis corruptelas? Por que non se fan público os acordos asinados cas distintas administracións que van sufragar s obras do mercado? Por que o mercado leva máis dun ano pechado, arruinando a moitas familias que del dependían, e non se procedeu a iniciar antes a rehabilitación? 

Todo este asunto sobrepasa conceptos como oportunismo, falsedade ou burla á cidadanía de Pontedeume. Cando os prexuizos se miden en postos de traballo, pequenos negocios pechados e miseria, entón xa rozan a indecencia. E desde logo este equipo de goberno deu mostras de ser o máis indecente de cantos pasaron polo noso concello.