5 de feb. de 2015

Realmente crerán que somos pánfilos?


Para os populares galegos a mentira é unha virtude se con ela se consiguen os fins desexados. Resulta que a Xunta non teme ocultar datos e mentir para protexer a incompetencia dun dos seus alcaldes máis criticados: Gabriel Torrente. Cando se lle preguntou aos responsabeis da Xunta polas causas da paralización do PXOM, estes contestaron con argumentos que non resisten a máis mínima crítica. 

Non é certo que esquecer presentar uns documentos como os informes sectoriais e a memoria ambiental poida ser razón para rexeitar algo de tanta importancia como un plan de urbanismo. Sabido é que a administración ante casos así ofrece a posibilidade de presentar a documentación esquecida nun prazo de días.

Outra razón alegada foi no nincluír nos planos as modificacións das alegacións presentadas e aprobadas pola veciñanza, un defecto, de cer certo, achacable aos redactores do plan que cobraron por este traballo case 300.000€ das arcas municipais. Pero incorren nunha flagrante contradicción ao dicir que tanto os técnicos municipais como os da Xunta están a traballar nesa corrección. 

A verdade é que se está a corrixir certos aspectos do plan que vulneran a legalidade e o executivo galego encubre ao equipo de Torrente. E unha vez máis a cidadanía é vítima dunha falta de respecto e consideración por parte de quen a goberna. Como dixo o concelleiro de urbanismo, xa se saberá cando haxa que sabelo. Hai que ser prepotente e groseiro para menosprezar así aos que un día confiaron neles para levar a bo termo a política municipal. 

De momento Pontedeume segue sen plan de urbanismo pola ineptitude de ata tres gobernos incapaces de sacalo adiante despois de 12 anos.