6 de feb. de 2015

Por unha dimisión plena

Os socialistas de Pontedeume piden a dimisión de Eugenio Otero, concelleiro de urbanismo. A razón é ter que enteirarse pola prensa do acontecido co plan xeral. Sábese que Otero, ao igual que o resto de camaradas de Torrente, non se distingue precisamente polo seu talante democrático e, polo tanto, entra dentro das súas prácticas a ocultación da información. Se non se coñece o delito, non hai delincuente. Está é a máxima que impera no mundillo político pero que ten a súa orixe noutras cloacas da sociedade.

Non se trata de exonerar a Otero da súa responsabilidade pero non se pode deixar de preguntarse en que estarían pensando eses chamados socialistas que durante estes anos, sen novas do PXOM, non foron capaces de acertar coa porta na que pedir información. Para que non lles volva suceder,  neste enderezo poden tramitar calquera queixa sobre o plan de urbanismo se lles parece que vulnera  a legalidade:
Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
Edificios Administrativos - San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela Tlf. 981544355

Tamén pode ser certo que non se tivo demasiado interese en sacar adiante o plan ou ofrecer alternativas a este, ben por desleixo, ben por descoñecemento. O labor da oposición neste concello, mal que lles pese, é insuficiente, fútil e ás veces interesado. Estamos afeitos a ver que desde os partidos na oposición demándase arranxar pequenos desperfectos no concello, desde puntos de luz ata  a limpeza dos camiños públicos pero non se toman en serio o traballo de indagar a fondo nun documento como o PXOM no que se deseña o futuro de Pontedeume. Esas prácticas clientelistas de atracción de votos son máis propias dun concepto caciquil da política que de unha concepción seria da mesma.