16/02/2015

Comunicado da comunidade educativa

A comunidade educativa do IES FRAGA DO EUME pide a paralización das obras previstas no campo de deportes do instituto

O Concello vai malgastar 85.000 euros nunhas obras malia ser coñecedor de que a cesión dos terreos está recorrida ante o TSXG

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume quere alertar da irresponsabilidade do Concello de Pontedeume ao adxudicar recentemente as obras do aparcadoiro do IES cun gasto previsto de 85.000 euros. Con esta saída cara adiante o Concello está a poñer en risco os cartos das arcas municipais xa que o Goberno local parece esquecer que nestes momentos a cesión ao Concello dos terreos do campo de fútbol do IES para a construción dun aparcadoiro está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal aínda non se pronunciou sobre o recurso contencioso-administrativo presentado pola ANPA 'As Fragas' e o Claustro de profesores hai un ano, en febreiro de 2014, contra a cesión outorgada pola Consellería de Educación ao Concello.  

Estamos convencidos de que o terreo do campo de fútbol non se pode destinar a outro uso que non sexa o escolar ou deportivo. Se finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos dá a razón, o Concello tería que dar marcha atrás. Para evitar este despilfarro de cartos públicos, solicitamos que se paralicen as obras e calquera actuación prevista no campo de fútbol do IES Fraga do Eume ata que se coñeza a resolución definitiva do TSXG. Desde a comunidade educativa do centro non descartamos retomar as mobilizacións se fose preciso para facer valer as nosas demandas.


Desde o inicio do curso 2013-14 os alumnos xa non teñen campo de fútbol e apenas espazo para xogar ao aire libre. O noso descontento vai a máis a medida que pasa o tempo e vemos cómo o campo de fútbol estase a converter nun terreo impracticable. O uso como aparcadoiro está a deixar o campo nun estado lamentable. Queremos deixar claro, una vez máis, que non nos opoñemos a que haxa un aparcadoiro en Pontedeume (sabemos ben a falta que fai), pero non queremos que se faga a costa dos nosos fillos. Os rapaces de Pontedeume, sexan alumnos ou non do IES Fraga do Eume, teñen dereito a seguir dispoñendo dun campo de fútbol que xa existe neste centro e que entendemos que lles queren arrebatar de xeito irregular.
Pontedeume, 13 de febreiro do 2015