1 de feb. de 2015

Testosterona no Concello

Aclaradas as dúbidas. Cando Torrente sinalou que ían comezar as obras do aparcadoiro nos terreos do campo de deportes do IES Fraga do Eume, pensabamos que este anuncio só podía deberse a dúas causas: electoralismo ou irresponsabilidade. Xa sabemos que é esta última a verdadeira razón. E unha vez máis o alcalde eumés decántase polo único que sabe facer: deixar constancia de que a el non hai quen lle gañe cando de collóns se trata. Un exceso de testosterona inapropiado para dirixir un concello

As obras comezarán en febreiro e o custo delas será 85.000 €. Como se lembrará, a cesión deste campo ao Concello por parte da Consellaría de Educación está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Resulta cando menos incomprensíbel que a pesar disto Torrente siga adiante co traballo de cementación cando existe  a posibilidade de que o alto tribunal anule a concesión e obrigue a restituir o campo ao centro educativo. De ser así, tiraríanse pola borda 85.000 € máis o custo das obras de reacondicionamento. Pero o popular prefire facer campaña electoral  a costa do erario público. Que estraña, por outra parte, a facilidade de captación de fondos para o aparcadoiro pero que difícil conseguilos para a remodelación do mercado municipal, motor económico da vila

Máis comedido parece o representante do PSOE, partido que votou conxuntamente co PP a favor da "expropiación" á comunidade educativa. Conscientes da posibilidade de perder o recurso xudicial, prefiren manterse alonxados da polémica, crendo que o silencio non exime de responsabilidade pero a difumina. Non estaría de máis unha razoábel autocrítica por parte dos socialistas que esqueceron as verdadeiras prioridades de Pontedeume. Porque como sinalaba un comunicado feito pola comunidade educativa do instituto "o prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas, e que estas teñan accesos a equipamentos deportivos e culturais axeitados".