03/09/2015

c'est fini

Dez anos escribindo neste blog é moito tempo, sobre todo se se fai tendo como núcleo central a defensa do patrimonio e do medio ambiente. Que só estes temas dean para tanto dá unha idea da situación na que se atopan un e outro, da necesidade de que os representantes das distintas administracións os incorporen á súa axenda. En suma, que o sentido común impere sobre os intereses espúrios da política.

Mais chega un momento no que compre facer mutis polo foro, relativizar certas cuestións e desexar que outras páxinas ou foros sigan debatendo, cuestionando e mesmo ofrecendo solucións aos graves problemas que ameazan o noso entorno. Non deixar que as cousas discorresen segundo os ditados daqueles que sacan beneficios da deterioración do medio ambiente foi sempre a premisa que guiou as entradas deste blog e froito diso creouse o colectivo Fusquenlla que dalgún xeito incidíu, aínda que modestamente, na consecución dunha conciencia ecolóxica.

Agora toca un pouco de hixiene mental; repensar; resituar os problemas, os intereses e as necesidades nun novo mapa. Cando se leva tanto tempo defendendo o que a uns parécenos obvio pero a outros sóalles a quimera, convén alonxarse do establecido e comunmente aceptado para evitar a frustración ou, o que é peor, o contaxio. Ás veces un retiro é a mellor terapia. Sobre todo cando se chegou ao convencimento de que os cascos históricos, o litoral, os parques naturais ou a calidade das augas non son os únicos elementos a protexer. Hai outros espazos que deben ser protexidos.