Pontedeume gozaba ata agora do raro privilexio de ter tres árbores que figuran no catálogo de árbores senlleiras de Galiza: o teixo do paseo marítimo, a araucaria da casa dos Tenreiro e o metrosidero do xardín de Lombardero.
Polo máis coñecido, o teixo, xa se entonou un réquiem. Unha mágoa que algo que poido ser evitado hai anos cando diversos colectivos ecoloxistas alertaron da deterioración deste exemplar de 400 anos foi ignorado polas autoridades locais e Xunta de Galiza. Mais os alcaldes non están dotados de sensibilidade polo medioambiente aínda que si sobradamente preocupados pola construción de rotondas, aparcadoiros e paseos marítimos (Torrente rabenou un teixo á entrada da vila para construír unha rotonda). E Pontedeume sufríu como tantas vilas e concellos o pernicioso efecto de distintos rexedores que se distinguiron como depredadores do territorio.
Feitos como estes poden volver a repetirse, neste caso afectando á araucaria do xardín dos Tenreiro. Unha simple ollada a este exemplar abonda para ver como aparecen os primeiros síntomas dunha enfermidade que seca a súa copa. Unha enfermidade que se agrava coa que sofren os responsabeis destas situacións: o desleixo. As autoridades teñen a obriga de preservar o patrimonio que representan estas árbores merecedoras dunha especial protección.