7 de maio de 2015

«¡Menos coches e máis deporte!»

O IES Fraga do Eume esixe a devolución do seu antigo campo de fútbol



Armado cun megáfono e un espírito en grao sumo reivindicativo, Xoán García, profesor do IES Fraga do Eume de Pontedeume, foi o encargado de enardecer onte os ánimos na primeira das tres concentracións convocadas polo centro educativo para protestar pola cesión da antiga pista de fútbol do instituto para a súa conversión nun aparcadoiro público. Mentres os operarios traballaban arreo no interior da parcela -que estará lista como zona de estacionamento nuns quince días-, ao redor de oitenta presentas (entre pais, profesores e alumnos) mostraban o seu rexeitamento ao proxecto cunha pancarta na que se podía ler «Aparcadoiro si, pero non aquí».
«Din que somos unha minoría, que non representamos a ninguén, pero tamén somos cidadáns e os nosos dereitos non poden ser pisoteados», exclamaba García megáfono en man. Justo en fronte del, tras a pancarta, varios rostros novos puñan cara á protesta. Entre eles, o de Leticia, alumna dun dos ciclos formativos que se imparten no centro. «A min viríame moi ben este aparcadoiro, porque son da Coruña e todos os días veño en coche a clase, pero prefiro non ter esa comodidade e que os nenos da ESO poidan ter un sitio no que xogar e gozar do seu tempo de lecer», apuntaba a nova. Ao seu lado, Ángela, alumna do ciclo de Panadería, asentía coa cabeza e achegaba outro argumento: «vale que a Pontedeume lle faga falta un aparcadoiro, pero hai tros moitos sitios onde se podería facer; eu estiven aquí en terceiro e cuarto da ESO e puiden gozar do campo de fútbol... ¿Por que se van ter que quedar sen el os nenos que agora veñen ao instituto?».
As nais tamén quixeron facerse oír. «¿Por que todo se ten que facer á conta dos rapaces? A este paso vanse ter que quedar en casa porque non teñen onde xogar», lamentábase unha delas, á vez que aseguraba que a pista non só era utilizada polos alumnos do centro, senón que estaba aberta a todos o pobo. «Ata si quixesen, poderían mellorala, instalando unha zona de xogos e unhas canastras, e así aínda se lle podería dar máis uso», apostilaba a continuación un pai.
Manifestación

Coa protesta de onte, a comunidade educativa do instituto inaugurou un calendario de mobilizacións que proseguirá hoxe e mañá coa celebración doutras dúas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30 horas) e que culminará o sábado pola mañá cunha manifestación polas rúas de Pontedeume (ás 12.00 horas). Xoán García confía en que esta última convocatoria atraia a moita máis xente que ás concentracións de onte, hoxe e mañá, xa que a estas non puideron acudir os alumnos da ESO -aos que se non se permitiu saír do centro por ser menores e por razóns de seguridade- nin moitos dos pais dos nenos, por atoparse traballando.

A pesar diso, ás persoas que secundaron a protesta de onte non lles faltou paixón á hora de enarborar as súas reivindicacións. Tras esixir ao unísono «¡Menos coches e máis deporte!», os profesores, pais e alumnos asistentes á protesta acendéronse, entre aplausos e aclamacións, coas palabras pronunciadas por Xoán García: «No sesenta e oito, os estudantes dicían que baixo os adoquines estaba a area da praia e nós dicimos que aí enfrente, debaixo de todo ese cemento, está o noso campo de fútbol».

A Voz de Galiza