Lamentábel é a primeira palabra que se nos ocorre para explicar o que acaba de acontecer no instituto Fraga do Eume. Despois de que a Consellaría de Educación cedese ás pretensións do Concello de Pontedeume de pechar o campo de deportes do instituto para convertilo nun aparcadoiro público, a AMPA e o Claustro do centro decidiron prersentar un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza contra a consellaría para recuperar este espazo que pertence, sobre todo, aos alumnos do devandito centro.
E dicimos lamentábel porque non se entende que, tanto a consellaría como o goberno popular apoiado polos socialistas, decidisen "expropiar" este recinto escolar sen atender as queixas e argumentos da comunidade educativa. Unha administración que non atende as demandas dos administrados non merece ser cualificada de democrática. Ante estes abusos do poder só cabe a xusta intervención do poder xudicial. Iso si, pagando pais e profesores os custos dunha reclamación que, de ter un consistorio responsábel, non debería darse.