28 de feb. de 2014

Un alcalde que se burla de todos



Pretender que a oposición aprobe un plan de urbanismo do cal se descoñecen os seus aspectos máis importantes, é supoñer que os concelleiros comulgan con rodas de muiño. O PP vai aprobar o PXOM da forma máis escurantista que cabe. Se hai uns días anunciaba que ía expoñer o novo documento a exposición pública durante tres meses, agora se retracta e nega esa posibilidade. Ademais convoca un pleno sen que os mesmos concelleiros dispuxesen de tempo e medios para desgranar o plan. 

Resumindo, o plan vai ser aprobado sen que ninguén, agás eles e quizais certos promotores, coñeza de que vai. Polas escasas informacións que Consultora Galega ofreceu aos grupos da oposición sábese que no fundamental o documento sufríu numerosas modificacións con respecto ao que foi aprobado inicialmente hai 5 anos. Un feito este que abondaría para que o PXOM fose informado publicamente e sometido ás alegacións correspondentes. 

O pleno de hoxe pasará á historia de Pontedeume como o paradigma dunha acción de goberno caciquil, escurantista e antidemocrática. Algo que ao Sr. Torrente parece non preocuparlle, acostumado como está a tomarlle o pelo á cidadanía.