30 de xuño de 2014

É hora de esixir responsabilidades













Se algo caracteriza a Torrente é faltar ás súas promesas. "Ao teixo non se lle toca" dixo en 2008; seis anos despois quítao da circulación logo dunha agonía provocada pola tala das raíces para deixar espazo aos novos mitos da modernidade: as rotondas.

Sempre é de lamentar a morte dun exemplar desta especie mítica pero se esta se produce de forma intencionada, entón hai que pedir responsabilidades. A dirección Xeral de Patrimonio advertía ao Concello que se deben adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación do teixo que califica de árbore senlleira. Nada se fixo para preservar a árbore; ao contrario, cercenaron as súas raíces para poder construír un muro de separación entre o parque e a estrada. Paseniño foise secando e o alcalde, figura garante da legalidade nos concellos, non moveu un dedo para evitalo.

Hai poucos días un tribunal de xustiza ditou tres anos de cárcere para dúas monitoras por verter pintura nunha piscina pública. O noso alcalde "se irá de rositas" por eliminar un teixo senlleiro. Aquí temos unha explicación do por que os cidadáns deste país estamos fartos e indignados. Os órganos xudiciais só serven aos intereses dos políticos, aos que encumbran como á man que lles dá de comer, pero son inmisericordes cos que critican os abusos do poder.