30 de maio de 2009

Noraboa, Ruth

Hai decisións que engrandecen a quen as toma. E a súa renuncia a formar parte do goberno local de Pontedeume hai que non só respectala senón louvala. Seguro que non foi doado chegar a esa determinación porque enfrontarse aos compañeiros require unha grande dose de coraxe. Acostumados a contemplar como os políticos deixan de lado o interese da comunidade para someterse aos ditados de intereses espúrios, resulta esperanzador ver alguén que defraudado polas decisións que se toman decide marchar en lugar de dobregarse.
Di esta concelleira dimisionaria non contar coa confianza do Alcalde pero seguro que conta coa de centos de eumeses que, fartos de corrupción, inoperancia, despotismo e insolencia, demandan máis honestidade e compromiso cos que forman parte desta ampla comunidade chamada Pontedeume. Noutro mundo, posíbel pero lonxano, non sería Ruth quen tivese que renunciar; terían que facelo aqueles que hoxe se quedan desexosos de seguir administrando o que non saben administrar. Houbo un momento no que demostrou esta concelleira estar ao outro lado da función. Sucedeu cando os afectados pola recualificación de Einsa manifestáronse diante do goberno local exixindo máis repecto polas súas propiedades. Nese intre, que a ennobrece como a poucos, baixou do despacho e púxose a carón dos que defendían a razón. Unha facultade esta mal vista polos que se decantan polo pragmatismo, favoritismo e parcialidade á hora de gobernar.
Noraboa, Ruth.