15 de out. de 2009

Pódense legalizar as construcións de Nogueirosa?


Recentemente fíxose público dende o Concello de Pontedeume que a aprobación do plan xeral resolvería os problemas de certas vivendas ilegais : de resultar aprobado o documento urbanístico, pode dar lugar á legalización dos chalés de Nogueirosa sobre os que a día de hoxe existe un auto xudicial para a súa demolición. Neste caso, tamén se atoparían as casas de Boebre que están sendo investigadas por Urbanismo da Xunta.

Hai que lembrar que as sentenzas de derrubamento son firmes e sobre elas non cabe xa ningún tipo de recurso. A pesares diso o Concello, para evitar un gasto millonario e un dano aos propietarios, optou por introducir no PXOM as modificacións do chan pertinentes para poder legalizar as vivendas afectadas. Este tipo de estrataxema non é nova e moitos concellos anteriormente quixeron poñela en práctica.

Pero esta mesma semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza freou un intento de legalizar 1500 vivendas en Vigo. Dende hai máis de 10 anos a xustiza exixe a demolición destas vivendas cuxas licenzas foron anuladas. Tal e como recollen os medios ao longo deste tempo os sucesivos gobernos locais trataron de dilatar o momento de tomar decisións con constantes recursos, á vez que con traballo elaboraban un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Este documento entrou en vigor en agosto do ano pasado e entón púxose en marcha o proceso para legalizalos conforme á nova normativa.

O Concello de Vigo concedeu entón outras licenzas amparadas na nova normativa crendo que así sería posíbel sortear as sentenzas de derrubamento. Mais o TSXG amosouse contundente e apremia ao concello vigués a demoler os tres primeiros edificios e rexeita os recursos presentados polo consistorio.

Debería servir de aviso para navegantes antes de depositar falsas expectativas que logo non se cumprirán. A simple posibilidade de que este tipo de actuacións tivese éxito sería unha burla que a xustiza non vai consentir, á vez que unha invitación a cometer todo tipo de abusos urbanísticos coa certeza de que logo serían "legalizados" polo alcalde de turno.