27 de ago. de 2009

A Lei de Costas e o señor marqués


Se alguén tiña dúbidas de que as leis non son iguais para todos xa pode disipalas. A prohibición de construír a menos de 200 metros da costa (actualmente a menos de 500 m) non parece afectar ás propiedades do marqués de Suances cuxas fincas en Cabanas aparecen cada vez máis urbanizadas a medida que pasan os meses.
Dunha semana a outra a paisaxe cambia drasticamente. Se Deus fixo o mundo en sete días, a prolífica familia do marqués non lle vai á zaga. Como se pode contemplar nas dúas fotografías tomadas nun breve espazo de tempo, unha nova casa aparece onde antes só había un campo verde. O certo é que toda a finca está chea de construcións recentes que vulneran a lei de costas.
Van ter razón os afectados polas recentes decisións xudiciais que lles obrigan a demoler as súas casas. Consideran que é unha inxustiza por canto son milleiros as construcións ilegais que se espallan polo territorio galego. Peor vailles sentar saber que os "señoritos" están exentos de cumprir as leis.