Para desvirtuar as mensaxes de colectivos como Fusquenlla, por poñer un exemplo cercano, acúsanos de se opoñer ao crecemento, palabra enganosa onde as haxa. Hai que distinguir entre crecemento e progreso, pois tales termos non son sinónimos por moito que a algúns lles interesaría que o fosen.
O crecemento do que se fala non é máis que un aumento do volume de cemento que se levanta onde antes había unhas paraxes de gran valor ambiental e, como non, económico. Lembremos que a razón do continuo fluxo turístico de vilas como Pontedeume obedeceron ao seu atractivo valor paisaxístico. Pero este crecemento do aumento das vivendas construidas non acarrea unha maior entrada de turistas, que cada día son máis exixentes na demanda de zonas peculiares dotadas de historia e patrimonio. Pola contra, un aumento desmesurado de urbanizacións supón un deterioro dos servizos básicos como auga, depuración, alcantarillado, lixo, tráfico, aparcadoiros, etc. Servizos que hoxe por hoxe son deficientes en Pontedeume.
O progreso do que falamos os que nos opoñemos a este crecemento, antagónico coa calidade de vida, pasa por mellorar o que temos na actualidade e someter o aumento da edificabilidade a unhas condicións restritivas que atendan ás necesidades reais da poboación. Se unha poboación ten un crecemento demográfico negativo hai que pensar que son innecesarias máis vivendas e que urxe facer da vila ou cidade unha mellora que atraia a novos residentes. Hai que preguntarse as razóns das baixadas de poboación e posiblemente atopemos na falta de calidade de vida unha causa deste empobrecemento.
En suma, un hábitat que amais de procurarnos máis beneficios, tanto no humano como no económico, sexa sostíbel no futuro; que non hipoteque a herdanza que deixemos aos nosos fillos. Todo o contrario do que nos ofrece a cultura do cemento, unha cultura voluminosa pero baldeira de sustancia, unha obesidade enfermiza e letal.Reconducir o actual crecemento, entender e aplicar a definición real de progreso e acadar unha forma de vida máis plena, rica e en sintonía coa natureza que nos rodea, a única que pode dotarnos desa mellor calidade que demandamos, ese é o propósito dos que nos opoñemos a esa moderna enfermidade chamada urbanismo e que pode converterse nunha nova modalidade de terrorismo.