20 de xan. de 2007

Renuncia á reelección


O alcalde Nigrán renunciou á reelección despois de verse inculpado nun delito de tráfico de influencias. Unha actitude de todo lóxica por parte de quen pensa que pode prexudicar ao seu partido se se presentase ás eleccións xa que o seu estado procesal podería irrumpir na campaña electoral e centraría todas as críticas dos seus opositores.
Non parece ser esta a lección que aprendan os cabezas de lista do PSdeG e BNG en Pontedeume. Tanto Vilariño como Rei están imputados pola Fiscalía nun delito de prevaricación por ter concedidas licenzas de obras en zona de protección costeira. Ámbolos dous concorrerán ás próximas eleccións municipais como cabezas de lista. No caso de Vilariño parece non ter efecto as declaracións so secretario de organización do PSOE, José Blanco, nas que manifestaba que o PSOE non ía permitir que persoas involucradas en causas por delitos de urbanismo fosen membros das listas electorais. O BNG nunca fixo ningún tipo de declaración neste senso, sendo a decisión de presentar a Rei un erro máis que unha indisciplina de partido.
En calquer dos casos o feito de concorrer ás eleccións con estes candidatos supón algo máis que un erro político, alberga serias dúbidas sobre as intencións destes partidos de correxir desatinos do pasado. Persoas que foron capaces de prevaricar non son as máis adecuadas para levar á practica unha auténtica renovación do partido. Este empeño en ocultar a mala xestión dos anteriores responsabeis non produce máis que desánimo nos votantes que buscamos un xeito de facer política ao servizo dos cidadáns de Pontedeume, unha política que prime a salvagarda do patrimonio histórico e artístico da nosa vila. Todo o contrario do que vimos soportando ata agora, unha aposta descarada polos intereses das empresas da construción.