20 de xan. de 2007

Vilas con encanto


O progreso non é sinónimo de construción; o turismo non busca cemento; a calidade de vida non se asocia ás grandes urbes.
Estes son algúns dos moitos tópicos que debemos desterrar se buscamos un xeito de vida que nos resulte satisfactorio, agradábel, pleno e harmónico coa natureza. As vilas como a nosa poden ofrecer un hábitat inmellorábel por canto dispoñen do máis básicos para o goce diario: servizos (é certo que faltan moitos), tranqulidade, espazos públicos, xardíns e, sobre todo, paisaxe. Mais poder non é dabondo para ser unha realidade. Os que teñen nas súas mans a capacidade de decisión sobre o futuro de Pontedeume prefiren atender as demandas dos promotores inmobiliarios que as dos veciños que os votaron. Non é este o modelo que queremos senón o que ofrecen outras localidades que souberon ver que a defensa da paisaxe e do medio ambiente non só asegura unha mellor calidade de vida senón que tamén ofrece unha maior riqueza económica; unha riqueza máis repartida que as cuantiosas sumas que xenera a construción.
No xornal La Voz de Galicia aparece un artigo que nos traslada ao Barqueiro, no concello de Mañón. Unha pequena vila semellante a Pontedeume pero que aínda permanece invita ao empuxón do cemento. Dispón dun sistema de saneamento que impide que a ría se ateigue de verquidos industriais e que se depuren as augas residuais. O plano de urbanismo que se vai aprobar non permite edificacións de altura superior ás dúas plantas. Como dí o seu alcalde, "Non podemos estragar o mellor que temos, que é a paisaxe". Ao contrario do que se poida pensar, os comerciantes apoian esta filosofía e atestiguan que o turismo, cada vez máis selectivo, busca lugares con personalidade propia e alonxados da estética uniformista das cidades que creceron ao albor do bóom turístico. Un coñecido hostaleiro do lugar recoñece que"cada vez ven máis xente, iso está claro. Aquí recibimos a xente de Madrid, estranxeira, doutras comunidades... Está aumentando moito o turismo. E, ademais, estamos conseguindo que non veñan só unhas horas, senón que se queden algo máis".