
Publica La Voz de Galicia que os automobeis aparcan nas rúas de Pontedeume sinaladas como zonas peonís. Nada estraño tendo en conta que a nosa vila sempre se distinguíu por ser unha especie de pequeno reino de taifas no que a autoridade non se distingue precisamente por estar suxeita a unhas normas cívicas.
Hai algo máis dun ano, e despois de moito esforzo, conseguíuse declarar zonas peonís algunha rúas polas que o tránsito de coches as facían non aptas para o paseo, acadando así a case completa peatonalización do casco histórico. Como era de prever, a oposición por parte dalgúns foi notoria. Aínda así era unha vellla reivindicación propia das vilas cun centro urbano con marcado carácter histórico.
Sabemos que as leis son para cumprilas e que para iso é necesario uns axentes que velen polo seu cumprimento, todo o contrario do que sucede en Pontedeume. O caso é que os coches fan caso omiso do regulamento e non reparan en aparcar nas zonas reservadas para os peóns. Tampouco nada estraño dados os antecedentes que se repiten noutros eidos da vida municipal. O chamativo son as razóns que aduce a policía local para transixir coa vulneración desta norma. Tal e como recolle o xornal, "non denuncian [os policías] aos condutores, aseguran, porque non dispoñen do persoal suficiente para facelo. E é que, tal e como veñen denunciando dende hai anos, a carga de traballo
administrativo coa que contan é tal que as dúas persoas que conforman cada quenda de traballo non dispoñen de horas suficientes para saír a patrullar". Toda unha invitación aos infractores para seguir conculcando o regulamento de tráfico que o concello ten aprobado soberanamente. Calquer delincuente pode actuar tranquilamente nas nosas rúas coa seguridade de non atoparse coa policía local.

Non parece esta unha forma adecuada de conseguir un lugar tranquilo, ordenado e apto para a vida que demandamos, unha vida alonxada do caótico mundo do tráfico, do ruído, das incomodidades, da suciedade,...Quédanos a dúbida de se detrás desa inoperancia dos municipais agóchase un intento deliberado de boicotear a peatonalización do casco histórico ou unha demanda de melloras laborais.
