11 de feb. de 2007

Rede Litoral Vivo


El País publica hoxe que se celebrou en Santiago unha reunión na que se constituíu a REDE LITORAL VIVO, unha plataforma de colectivos ecoloxistas entre os que se atopa o Colectivo Fusquenlla de Pontedeume.
Os obxectivos que se marcan esta comunidade de grupos pasan pola defensa do litoral galego ante a grave ameaza dun urbanismo que ten a súa razón de ser na especulación ilimitada do territorio, denunciando ademais a escasa salvagarda que ofrecen as administracións do estado. Piden asemade a demolición das obras declaradas ilegais e a desaparición da figura do axente urbanizador, ese retrato moderno do señor feudal. "A paisaxe é un elemento básico nesta concepción do trerritorio. A Convención Europea da Paisaxe (2004) recoñece xuridicamente a paisaxe como compoñente esencial do entorno, expresión da súa diversidade natural e fundamento da identidade dos pobos e o deber de protexela"

Entre as medidas de emerxencia que propón esta plataforma, citamos:
Rede Litoral Vivo Rede Litoral Vivo
  • Prohibición dos desenvolvementos urbanísticos e industriais naqueles lugares onde non estean garantidos a depuración completa de augas residuais, o subministro enerxético e de auga ou que a sua construcion provoque un impacto ambiental ou paisaxístico negativo.

  • Posta en marcha inmediata dunha moratoria que deteña as agresións no espazo marítimo-litoral e que permita a realización dunha Planificación Integral dos Usos do litoral no que se recollan todos os aspectos derivados da ocupación humana, do uso do medio mariño e dos seus recursos así como a previsión sostible da ocupación do mesmo.

  • Saneamento integral das Rías contemplando mecanismos de depuración separada de augas industriais e urbanas para facilitar a reciclado das lamas e apostando por unha rede de depuradoras de tamaño reducido e situadas preto dos lugares de xeración das augas residuais.

  • Aplicación de amplos recortes nos desenvolvementos previstos polos Plans Xerais de Ordenación Urbana, os Plans Parciais e as modificacións de Normas Subsidiarias municipais.

  • Derribo sistemático de toda construción ilegal.

  • Moratoria na construción de paseos marítimos, portos deportivos e recheos fora das rías ate avaliar a súa necesidade, emprazamento e deseño. Prohibición da realización de ningún tipo de recheo dentro das rías xa que son ecosistemas moi fráxiles