22 de feb. de 2013

O leite caducado das monxas

Foto: Diario de Ferrol


A mancha que asolagou o banco marisqueiro de Pontedeume resultou ser unha vertedura de leite en po que os responsabeis do asilo de anciáns botaron á rede de alcantarillado. Exposta así a explicación, o que parecía ser un grave problema de contaminación queda nunha simple anécdota que motiva as risas do persoal. Mesmo dos gobernantes municipais que se atreven a bromear dicindo que "os peixes só beberon leite". 

Pero eses chistes zafios agochan unha realidade que o goberno local se empeña en ocultar día tras día. A rede de alcantarillado debería recoller as augas residuais e pluviais para levalas á depuradora onde serían tratadas antes de depositalas na ría. Esta vertedura dende o asilo demostra o que xa se vén denunciando dende hai anos. As augas residuais son vertidas directamente á ría de Pontedeume e Aquagest cobra aos eumeses unhas taxas de depuración que non existe. Non só iso: elude as obrigas como responsábel do mantemento da rede de saneamento e alcantarillado, rede obsoleta e defectuosa.