17 de feb. de 2013

Operación Manga (ancha)


De Pokemon a Manga. Dunha operación a outra e xogo porque me toca. Unha sucesión interminábel e insoportábel de casos de corrupción política. A última empresa investigada é Aquagest. Comezou en Santiago e agora investigan en concellos como Valdoviño, Ortigueira e Cedeira. "Fontes relacionadas co caso non descartan que finalmente termínense revisando todas as actuacións que a firma levou a cabo no área de Ferrol, onde Aquagest é a concesionaria de Cabanas, Pontedeume, Ares, As Pontes, Fene e Neda"

Estas son as consecuencias da xestión privada dos bens públicos. Despilfarro, comisións, tráfico de influencias, malversación, cohecho...Sen esquecer o deficiente servizo de mantemento e depuración das redes de saneamento e alcantarillado ao que estamos afeitos os veciños que pagamos escrupulosamente as taxas correspondentes. Porque xa se sabe, o obxectivo dunha empresa privada é acadar un balance económico positivo, non a prestación de servizos. 

O alcalde de Ares plantéxase asumir a xestión pública da auga a raíz do acaecido. Pode que só sexa unha declaración tendente a calmar o desasosego de tanta corrupción. Os intereses creados ao longo de todos estes anos deben ser grandes e lucrativos. Quizais habería que limpar primeiro os concellos de tanto homo corruptus e redefinir logo as funcións dunha institución creada para xestionar con sentido democrático os bens da sociedade.