Esta semana o Instituto Nacional de Estatística fixo públicos o censo de poboación e vivendas do ano 2011. E os resultados corroboran as peores previsións. Os efectos da burbuxa inmobiliaria deixáronse sentir non só na terríbel crise económica que padece este país senón tamén no número de vivendas baleiras que inundan todo o territorio nacional.
Galiza ocupa a primeira posición entre as comunidades con maior porcentaxe de vivendas baleiras: 23% fronte a unha media estatal do 13,7% . Haberá que rachar co tópico segundo o cal o nefasto boom inmobiliario foi unha marca de clase tipicamente mediterránea.
E que pasa en Pontedeume? No noso concello durante os últimos dez anos incrementouse inxustificadamente o número de vivendas. Das 4200 que había en 2001, pasouse a 5080 no 2011. Un incremento do 19% que non se correspondeu cun igual incremento poboacional. En 1991 había censados 8800 habitantes e vinte anos despois hai 8900. O resultado é inevitábel: 851 vivendas baleiras, o 17% das 5080 vivendas existentes. Case catro puntos por riba da media estatal.
E o PXOM aprobado inicialmente polo goberno municipal incrementará ostensiblemente estas cifras se resulta aprobado definitivamente. Un PXOM que segue secuestrado nalgún caixón da casa consistorial.