18 de xul. de 2014

Concentración en apoio ao pobo palestino


Convocan esta concentración solidaria (por orde alfabética):
Anova, Asemblea Aberta Eumesa, BNG, Colectivo Terra e PSdG-PSOE

Mañá, sábado 19 de xullo ás 13 horas na Praza Real, realizarase unha concentración a favor do pobo palestino que estes días está sufrir unha vez máis as terribeis consecuencias dunha agresión militar sen precedentes por parte do estado xudeo. Consideramos que a violencia nunca é xustificábel e menos cando se exerce indiscriminadamente sobre os máis indefensos. En só uns días de operacións militares xa morreron máis de 200 persoas, na súa maioría mulleres e crianzas. Ningunha acción militar pode xustificar este triste balance que demostra que tras estas accións agóchase unha política de extermino do pobo palestino.
Europa e Estados Unidos estanse a converter nuns aliados interesados do estado xudeo coa excusa de que é o garante duns valores democráticos e occidentais nunha rexión que se lles antolla conflitiva. Mais a verdade é que ese estado nunca acata as sentenzas dos tribunais internacionais nen as resolucións da ONU, practicando a tortura dun xeito sistemático. O pobo de Pontedeume quere manifestar a súa solidariedade cos palestinos de Gaza e esixir a inmediata paralización das accións militares que, polos danos ocasionados, equipáranse a accións terroristas de estado.