Ante situacións como a que vive o pobo palestino estes días en Gaza só cabe a denuncia contra o estado xudeo, un estado que ampara o terrorismo de estado baixo o disfraz de accións militares. Mais non se trata dunha guerra convencional, é un xenocidio, unha limpeza étnica practicada contra a poboación civil palestina. Os chamados danos colaterais non son máis que nenos e nenas palestinas que sucumben ás mortíferas armas de guerra do exército israelita. Para xustificar estas accións criminais o terrorismo de estado fabrica terroristas sembrando odio e argallando coartadas. Así o explica acertadamente o escritor Eduado Galeano.
Hai unha desigualdade manifesta entre as partes deste conflito. Ao lanzamento dunha pedra respóndese co lanzamento dun misil; a unha comunidade privada do máis elemental oponse outra que se nutre dos bens da primeira; á demolición das vivendas palestinas séguenlle novos asentamentos dos colonos radicais. E como isto non abonda para anular á poboación palestina, recórrese entón á aniquilación física.
Europa e Estados Unidos estanse a converter nuns aliados interesados do estado xudeo coa excusa de que é o garante duns valores democráticos e occidentais nunha rexión que se lles antolla conflitiva. Mais a verdade é que ese estado nunca acata as sentenzas dos tribunais internacionais nen as resolucións da ONU, practicando a tortura dun xeito sistemático.
Nós, os que contemplamos con horror as matanzas de inocentes, non nos sentimos representados por uns gobernos que miran para outro lado cando a barbarie é cometida polos seus amigos israelitas. Estes gobernos, que actúan contundentemente contra a sociedade civil impoñendo multas e penas de prisión aos cidadáns que se opoñen ás súas políticas económicas, son condescendentes cos asasinatos de civís a mans dos militares xudeos.
Consideramos que a violencia nunca é xustificábel e menos cando se exerce indiscriminadamente sobre os máis indefensos. En só uns días de operacións militares xa morreron máis de 200 persoas, esta noite 70 mortos, na súa maioría mulleres e crianzas. Ningunha acción militar pode xustificar este triste balance que demostra que tras estas accións agóchase unha política de exterminio do pobo palestino. Nunca entenderemos por que unha sociedade como a israelita permite que o estado sionista leve á práctica os métodos que antaño foron aplicados aos seus pais e avós e exterminaron a 6 millóns de xudeos. Nunca entenderemos como a comunidade internacional que se opuxo coas armas na man ao exterminio xudeo, se amose indiferente ante o xenocidio palestino.
O pobo de Pontedeume quere manifestar a súa solidariedade cos palestinos de Gaza e esixir a inmediata paralización das accións militares que, polos danos ocasionados, son equiparabeis ao terrorismo de estado.