Ante todo queremos presentarche as nosas desculpas. Non somos os responsabeis do que che pasou pero non queremos que te marches cunha falsa imaxe dos eumeses. Sabemos que nos poucos días que levas na vila tiveches que saír correndo do mercado municipal por mor da inundación que o asolagou. Tamén que os continuos cortes de auga impedíronte duchar e ademais non poideches bañarte nas nosas praias porque están contaminadas. Demasiadas cousas para alguén que vén a Pontedeume con ganas de esquecer o estrés do traballo.
Recoñecemos a nosa parte de culpa por ter un alcalde como o que temos pois foi elexido por unha maioría da poboación, se ben é certo que os que o votaron fixérono enganados pola hipocresía dese señor. El e o seu equipo forman un grupo incalificábel no que predomina o desleixo, a ineptitude, o interese propio polos bens públicos, a ignorancia, a chabacanería e a chulería barriobaixeira. Por se non o sabes, hai moitos anos fíxose famoso en España un cartel publicitario no que destacaba os xenitais dun touro, chegando a converterse nun icono cultural. En Pontedeume o alcalde tamén parece disposto a reivindicar os atributos do macho como sinal de identidade eumesa.
Non só iso, no seu desbarre mental identifica o carácter medieval de Pontedeume co feudalismo como forma de goberno. Valores como patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e ocio son secuestrados polo goberno municipal e, en compensación, ofrécenos unha estampa medieval da vila: suciedade, miseria, caciquismo...convertíndoa nun vertedoiro.
Dirás que non comprendes un comportamento tan anacrónico pero tes que entender que eles, alcalde e concelleiros, cando deixen o cargo van ser recompensados polo mal que o fixeron. Isto pódeche parecer raro se procedes doutro país pero aquí é o que temos. Cargarse os servizos públicos significa un posto de traballo nas empresas privadas que se beneficiaron da nefasta xestión municipal. Xa verás, se decides volver outro ano, como eles e os seus fillos ou irmáns están colocados a corpo de rei, ben en empresas privadas , ben en organismos públicos controlados polo seu partido.
Pero queremos que saibas que se volves o pŕoximo ano xa non teremos este alcalde porque estamos traballando arreo para "externalizalo".