17/09/2014

Un balance negativo

Levamos un ano sen mercado municipal e xa podemos facer un balance das consecuencias que o seu peche acarreou á economía local de Pontedeume.

Nun mundo cada vez máis globalizado o sector do pequeno comercio está a sufrir unha crise sen parangón na súa historia. Convén lembrar que entre un 70% e un 80% a cesta da compra realízase en supermercados, hipermercados ou cadeas de desconto, e só un 25% en comercios especialistas. Son precisamente este tipo de establecementos os que aguantan o empurrón das grandes cadeas alimentarias. O consumidor reduce así as súas posibilidades de escoller que tipo de alimentos quere consumir e vese obrigado a aceptar a oferta da industria alimentaria en detrimento dos produtos autóctonos e de calidade.

Pero se o consumidor é unha vítima desta política, non o son menos os produtores locais que se ven obrigados a aceptar os baixos prezos que os holdings da alimentación ofrecen. Temos así unha cadea na que o consumidor paga máis pola compra, os produtores gañan cada vez menos polo afán mercantilista das empresas do sector, o pequeno comercio afúndese inexorablemente e os hábitos de consumo son ditados pola lei da oferta e da demanda dun xeito insostíbel e irracional.

Pero centrándonos no caso de Pontedeume podemos afirmar que esta situación alarmante do pequeno comercio, e por ende do sector hostaleiro, é aínda máis grave que o exposto anteriormente. O peche do tradicional mercado municipal e o seu traslado suicida aos almacéns de Raxoi apuntillou ao único sector económico da vila. Cumprido xa un ano desde o peche do mercado as consecuencias saltan á vista. Tres dos praceiros víronse obrigados a pechar os seus negocios por falta de actividade e cabe esperar, lamentabelmente, outras baixas. Pero non só os praceiros foron os grandes perdedores desta aventura irresponsábel do alcalde de Pontedeume. O mercado municipal era o motor económico desta vila e como tal, a súa liquidación supuxo tamén a liquidación do pequeno comercio eumés. Se os praceiros denunciaban reducións das vendas próximas ao 70% nalgúns casos, os pequenos comercios e a hostalaría recoñecen unha redución do 20%. Estas cantidades astronómicas no ámbito do pequeno comercio hai que atribuilas fundamentalmente ao peche do mercado municipal pois se ben é certo que o sector minorista está en declive por mor das grandes superficies, o impacto destas está limitado a unha redución no último ano do 3% das vendas en toda Galiza. Ademais, a comercialización dos produtos frescos nos establecementos tradicionais conservan unha elevada competitividade fronte aos supermercados e grandes cadeas.

O panorama desolador que ofrece Pontedeume leva camiño de igualar ao do veciño Ferrol coa súa crise industrial. A irreversibilidade desta situación dependerá de que nun futuro inmediato un novo goberno municipal se comprometa a reabrir o mercado municipal e dotar de axudas a un sector sen o cal Pontedeume non pode subsistir. E isto é así porque o actual alcalde xa demostrou non só unha incapacidade para resolver os problemas deste concello senón unha aptitudes encomiábeis para finiquitalo.