POLA RESTITUCIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL
Como cidadás e cidadáns activos
e conscientes dos nosos dereitos afirmamos que a misión dos
políticos electos é administrar correctamente os bens que son de
todos, e a nosa misión, a misión da cidadanía, é actuar de
contrapoder, é dicir, loubar ao poder cando o poder acerta, criticar
ao poder cando o poder se trabuca, e denunciar ao poder cando o poder
abusa. Hoxe estamos aquí para criticar a actuación do Alcalde de
Pontedeume e do Conselleiro de Educación e para denunciar o abuso
claro e flagrante que están a perpetrar contra os dereitos dos
membros da nosa comunidade educativa da que forman parte os pais,
nais, alumnos e profesores que están aquí manifestándose.
Denunciamos o abuso que se está a
cometer ao privar a un centro educativo e aos veciños de Pontedeume
dun espazo para a práctica deportiva e o lecer. Afirma o Alcalde que
é unha instalación deportiva infrautilizada. En que se basea para
afirmar iso? Fixo algunha vez algo para reverter esa situación? Se o
campo de fútbol do IES Fraga do Eume foi pouco usado nos últimos
anos foi especialmente polo estado lamentábel no que o deixaba o
Concello de Pontedeume despois de que xenerosamente se lle cedese
como aparcadorio durante o verán sen pedir o Instituto contrapartida
algunha, agás a propia restauración da instalación deportiva.
A relación do IES Fraga do Eume
co Concello sempre foi de colaboración total e de apertura das
instalacións deportivas do mesmo para uso municipal fóra do horario
escolar. Pero o Concello respostou a esta actitude de colaboración
cun acto de prepotencia ao reclamar o campo de fútbol á Consellería
de Educación sen falar nin negociar cos afectados, se cadra,
pensando que iamos ficar calados ou sen facer nada. Pois trabucouse.
Criticamos que as autoridades
locais e autonómicas esquezan que unha das esencias dos bens
públicos, como o campo de fútbol do IES Fraga do Eume, é a non
rivalidade, é dicir, que o uso e goce por parte dun usuario
adicional non supoña unha limitación para o uso e goce dun usuario
que xa fai uso del. Pois ben, os usuarios da nosa comunidade
educativa e tamén moitos veciños de Pontedeume sentímonos
expulsados do uso e goce dun ben que pasou de ter unha finalidade
lúdica e deportiva a ser un precario e poeirento aparcadoiro de
coches.
O prioritario no deseño dos
espazos urbanos non son os coches senón as persoas, e que estas
teñan accesos a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O
Alcalde da vila e, especialmente, o Sr. Conselleiro, seica esqueceron
que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro
da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros
urbanos para os humanizar), pero si existe o dereito a unha educación
e a uns servizos públicos de calidade e deberían velar por eles
antes de actuar como correas de transmisión doutros grupos locais de
presión.
Somos conscientes de que a Vila de
Pontedeume ten problemas de aparcamento e que é unha aspiración
lexítima amañar esa demanda histórica pero non se pode facer a
calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares. Tal
vez, estos escolares, non lle quitan o sono ao señor alcalde, pero o
que non é de recibo é que o Conselleiro de Educación, en clara
complicidade co anterior, tamén se esqueza deles. Por iso, os aquí
presentes, demandamos ao Conselleiro que vele polos intereses dos
seus administrados en lugar de estar tan preocupado por axudar ao
alcalde a cumprir os seus compromisos electorais. Non é admisíbel
que o interese de partido sexa tan forte, tan dominante, tan
excluínte, que pase coma un cabalo por riba das necesidades da
escola pública, xa castigada con recortes dende hai anos. Logo que
non se queixen do desprestixio da clase política.
E queremos dicirlle ao Alcalde e
ao Conselleiro que imos perserverar, que seguiremos insistindo en
denunciar este abuso até que os tribunais nos dean a razón ou eles
recuperen a súa, xa que o que nunca debe esquecer un representante
político é cales son as prioridades da sociedade.
Moitas grazas a todos e a todas e
se isto non se amaña, de hoxe nun ano, outra vez estaremos aquí
para que se escoite a nosa voz.