A comunidade educativa do IES Fraga do Eume convoca unha manifestación en Pontedeume a celebrar o sábado 31 de maio ás 12h. Partirá do campo de deportes do devandito instituto e rematará na Praza Real.
As razóns que levan a alumnos, pais e profesores a manifestar a súa oposición a que o campo de deportes sexa utilzado como aparcadoiro de forma definitiva son varias. Lembremos que a actitude do goberno local e da consellaría de educación de utilizar un espazo educativo e de lecer para os xoves como aparcadoiro foi unha decisión arbitraria e abusiva por parte das autoridades pois non se tivo en conta o parecer da comunidade educativa. Nada estraño se botamos a vista atrás e repasamos o comportamento antidemocrático dun alcalde que nunca soubo entender que a misión dos políticos está en administrar da mellor forma posíbel os bens da comunidade e ter en conta o parecer desta.
O campo de deportes do instituto sempre foi utilizado tanto polos alumnos do mesmo centro como pola xuventude de Pontedeume que, a falta doutros espazos nos que practicar algún deporte, facía uso do mesmo en período estival. Isto foi así ata que o Concello decidíu utilizalo como aparcadoiro. O que a comunidae educativa reclama non é só un espazo que por dereito lle pertence senón tamén un espazo para toda a xuventude eumesa cuxos dereitos son ninguneados por aqueles que priman o uso dos vehículos sobre a formación cultural e deportiva dos xoves.
Lembrar por último que a concesión do campo de deportes ao Concello de Pontedeume é unha medida que está recorrida ante os tribunais polo Claustro de profesores e ANPA do centro educativo. Como sempre, e desgraciadamente, son os cidadáns os que, mediante o seu esforzo e recursos económicos, deben velar polo respecto máis absoluto da legalidade e dos dereitos do alumnado. Unha obriga que lle corrspondería aos responsabeis de Educación pero que sacrifican en aras de intereses políticos.