Por fin a planta de Einsa en Pontedeume desaparece logo de despedir aos 9 traballadores que nela permanecían a modo de garantía para conseguir a aprobación dun plan sectorial que foi presentado ao Concello e que tiña como fin a recualificación dos terreos.
Unha vez aprobado o PXOM xa non é preciso seguer simulando actividade e o retén de 9 traballadores, máis outros 11 de As Pontes, vanse para casa a engrosar a infinita lista de parados deste país.
Einsa xa optara hai anos por cambiar de actividade empresarial. Logo de crear unha sociedade inmobiliaria asinou co Concello de Pontedeume un convenio que implicaba recualificar os terreos que ocupan as instalacións mais outros adxacentes de veciños de Andrade para crear solo de uso industrial terciario (actividades industriais, servizos, centros comerciais, etc).
A aprobación provisional do PXOM por parte do goberno popular de Torrente comprace así as expectativas de Einsa e consecuentemente xa non fan falta os traballadores. Pero o realmente escandaloso deste proceso é a actitude colaboracionista do alcalde eumés. Argumentando o interese público dunha empresa que dá traballo aos veciños da comarca, accede ás pretensións da empresa que na práctica supoñen o despido libre de todos os traballadores e a materialización dun gran pelotazo urbanístico. Nas respostas que o PXOM dá aos veciños afectados polo convenio entre Concello e Einsa alégase a necesidade de adaptar á lexislación vixente unha actividade económica vital para a comarca.
Agora que esa actividade xa se demostrou que non existía ninguén pode negar que toda o proceso enmascaraba unha operación urbanística que beneficia exclusivamente aos propietarios da empresa en prexuizo dos traballadores que pasan ao paro e de varios veciños que perden dereitos sobre as súas propiedades.
E todo en connivencia co alcalde de Pontedeume, ao que, parafraseando ao seu antigo xefe, deberiamos berrarlle: Váiase dunha puta vez