6 de dec. de 2014

Unha auténtica lección de populismo

Os políticos, sen seren moi eruditos, aprenderon ben a lección e saben que non hai nada mellor para ocultar os propios defectos que acusar dos mesmos aos adversarios. Nestas semanas está de moda falar do  populismo e precisamente os que máis o critican son os que máis o aplican. En Pontedeume o goberno local fai gala do populismo máis arcaico que poida existir: o fútbol e a súa defensa. Se hai tres anos investíronse case medio millón de euros en acondicionar o campo de fútbol do Eume deportivo, agora volven adicar unha partida de máis de 50.000 € para acometer novas obras.

Para este tipo de investimentos non se alega falta de recursos. Porén non os hai para servizos sociais, axudas á educación, obras de saneamento, protección aos máis desfavorecidos, etc, etc. A razón é ben coñecida: o papel que xoga o fútbol como reclamo electoral e ansiolítico do malestar social fai deste deporte unha prioridade política de primeira orde. E a esta necesidade non se subtraen tampouco os partidos da oposición. Que será capaz de poñerlle o cascabel ao gato?