28 de dec. de 2007

Eludir a legalidade cunha simple multa

En Ber un propietario que fixo a súa casa en contra dos ditames da Consellaría de Política Territorial acaba de ser multado por non atender diversas ordes de paralización. A vivenda está construída en zona rústica de protección costeira o que fai inviábel a súa legalización. Se é grave que un particular non acate a legalidade, non o é menos que unha corporación conceda un permiso de obras en zona protexida e que non sexa capaz de impoñer ao promotor a paralización da obra. Un proceder que se repite constantemente no concello de Pontedeume. Non esquezamos a emblemática obra de Caldagueiro con cinco decretos de paralización ou as construídas en Nogueirosa que foron denunciadas pola Fiscalía. E as que invaden zonas protexidas en Vizús a pesares do informe contrario da Secretaria do Concello.
E precisamente é o poder xudicial o que debería velar polo cumprimento das leis aprobadas polo lexislativo e ignoradas polo executivo. É obvio o desinterese da Xunta en remediar os problemas derivados das construccións ilegais. A solución que o goberno autonómico elixe, unha simple multa, non parece a máis adecuada para persuadir aos promotores de construír onde non se pode. Máis ben é unha invitación a delinquir. Porque o que si está cada vez máis claro é que o goberno galego padece dun tipo de transtorno bipolar que o leva a adoptar unha linguaxe na que defende a protección do territorio á vez que transixe cos atentados máis letais que este recibe.

24 de dec. de 2007

Despois do espazo, os coches apodéranse agora dos alimentos


Jean Ziegler (73 anos), sociólogo, escritor, ex-deputado suizo, e relator da ONU para a Alimentación. Denuncia as inxustizas do mundo e o que el define como unha "refeudalización" do planeta a mans das multinacionais.
"Para obter 50 litros de biocarburante fan falta 200 quilos de maíz. Con esa cantidade pódese alimentar a un neno un ano. Os biocarburantes deben producirse a partir de desfeitos vexetais non alimenticios, e non a partir de cultivos para consumo humano. Destinar 26 millóns de hectáreas á súa produción é un crime contra a humanidade."

Quen resiste á tentación?

9 de dec. de 2007

Unhas declaracións que explicarían a proliferación de tramas urbanísticas

A última noticia sobre a trama destapada en Mugardos dá conta de que tanto o alcalde , Xosé Fernández Barcia, como unha arquitecta, Elia Estraviz Prado, serán chamados a declarar como imputados polo xuíz encargado do caso. Como se sabe, o método practicado por esta trama consistiría en denegar licenzas que non foran avaladas por un determinado estudo de arquitectura. Unha estratexia común a case todos os casos de corrupción urbanística que se descubren a cotío neste país. Unha forma de obter ingresos extra sen ter que declaralos á facenda pública. e é que nin siquera os arquitectos se libran dos efectos das crise económica que atravesa este país. Crise que levou ao goberno de Zapatero a implantar unha paga de 300 euros mensuais por cada fillo menor de tres anos. Unha destas agraciadas foi precisamente a arquitecta agora imputada Elia Estraviz. En declaracións á Voz de Galicia láiase esta profesional do ladrillo do escasa que resulta esta subvención para incentivar a natalidade: «Cuando te planteas tener un hijo esto no te anima nada», comenta Elia Estraviz Prado, una de las beneficiarias de la subvención durante el pasado año. Tiene 34 años, un hijo de dos años y medio y un bebé de un mes. Elia es arquitecta y trabaja fuera del hogar, por lo que también recibe la ayuda mensual de 100 euros que concede el Estado a las madres trabajadoras para contribuir a los gastos que genera el cuidado de sus hijos. Como la mayoría de las mujeres que se encuentran en sus circunstancias, considera insuficientes los incentivos que conceden las administraciones para el fomento de la natalidad. «Es como si te dan 30 euros al mes, que casi no te llega ni para pañales ni para la leche», comenta Elia, aunque al mismo tiempo subraya que las administraciones no deberían centran únicamente sus esfuerzos en aportar dinero a los padres con niños pequeños. Y pone como ejemplo una amiga suya que vive en Segovia y que, en virtud de otro tipo de ayudas, puede disfrutar de un año de baja por maternidad, mientras que aquí el período estipulado es, como en otros muchos lugares del país, de 16 semanas.

4 de dec. de 2007

A degradación do mercado municipal


O mercado municipal debe esperar algún tempo máis antes de ser amañado, iso di o alcalde de Pontedeume mentres denuncia que o anterior goberno non adicou unha sóa partida para a remodelación do edificio. No ano 2003 o anterior alcalde solicitou permiso ante Patrimonio para derrubar a praza de abastos e levantar un moderno centro comercial, amais dun aparcadoiro subterráneo na praza do Conde. Con certo sentido común, Patrimonio négase a conceder a demolición dun proxecto do arquitecto Antonio Tenreiro, cuxa obra está catalogada. Os adaíles daquela tentación devastadora eran Belarmino Freire e Manuel Rei. Este último, despois de asumir a imposibilidade da demolición, chegou a defender o inmóbel como unha obra merecedora de protección.
Ante a negativa de Património o Concello de Pontedeume opta pola rehabilitación e consigue da Consellaria de Industria un compromiso de subvención para realizar as obras. Todo isto sucede no ano 2004 e o concelleiro de urbanismo anúncia que as obras se poderán iniciar a principios de 2005. Moito choveu dende entón (frase feita que tende a desaparecer) e agora temos que agardar aos orzamentos do 2008 para ver solucionado un problema sanitario, económico, estético e de dignidade. E iso supoñendo que exista esa intención de atopar unha solución porque se escudriñamos nas palabras de Gabriel Torrente debemos concluír que o anterior proxecto de remodelación do mercado, asinado pola sempre inefábel Consultora Galega, pode acabar na papeleira. De ser así, tería que encargar un novo proxecto a outra empresa e achantar algún que outro prexuizo. Entre outros dilapidar o erario público e gañarse a enemizade dunha empresa sobre a que recae a responsabilidade de elaborar o PXOM.

22 de nov. de 2007

Beneficios privados con investimentos públicos


O mosteiro de Monfero foi "cedido" á Xunta de Galiza polo Arcebispado de Santiago. Experiencias hai abondo sobre como son as cesións que a Igrexa fai ao Estado. Sen renunciar á titularidade da propiedade, búscase un xeito de finanzamento para sufragar os gastos dunha posíbel rehabilitación do patrimonio eclesiástico.
Neste caso a Xunta vai adicar uns orzamentos millonarios para rehabilitar este edificio. “Isto vai permitir poñer en valor o monumento como activo turístico”, resaltou o xefe do Goberno galego, quen indicou que a Xunta está a investir 1,6 millóns de euros na rehabilitación do edificio para, posteriormente, “mediante o concurso correspondente instalar nel un hotel de catro estrelas e un centro lúdico termal”. O acordo de hoxe permitirá, xa que logo, da posta en marcha en Ferrol “dunha iniciativa de calidade e de excelencia turística”.
Un agasallo xeneroso para unha empresa que, de seguro, se vai lucrar coa inestimábel axuda do goberno galego. En realidade, o agradecemento debería dárselle aos cidadáns galegos que cos seus impostos, utilizados fraudulentamente, permitirán sufragar os inxentes gastos dunha iniciativa empresarial.
Unha mágoa que os políticos erradiquen os fins sociais do seu labor como administradores da res pública

18 de nov. de 2007

Zona azul para un uso racional do automóbil

Nun escrito anterior decantábamonos aquí coa implantación da zona azul para resolver algúns dos problemas de tráfico na vila. Unha idea elemental que se aplica en todas as cidades, mais non debería selo para os rexedores de Pontedeume que nunca pensaron nela. Agora parece que si se tomou en consideración esa posibilidade e o Concello anuncia que se vai impoñer a zona azul na Praza do Conde, unha das que máis tráfico soporta. Será un aliciente para fomentar a mobilidade e permitir un mellor acceso aos que visitan a nosa vila. Supoñemos que esta medida xunto coa efectiva peatonalización do casco histórico disuarirá a algúns veciños de usar o coche alegremente e trasladarse a pé polas rúas da vila. Un paseo que procura boa saúde, reduce a contaminación, e permite contemplar e valorar o patrimonio de Pontedeume. Queda por saber se a cidadanía respectará estas normas. Anteriormente, a petaonalización consistíu na colocación de sinais que nunca foron de todo acatadas, en parte pola actitude permisiva da Policía Local, en parte pola falta de conciencia entre os automobilistas. Quizais sexa preciso complementar as medidas anteriores cunha firme decisión de facelas reais. E para iso pode pensarse en establecer a zona azul con pago de taxas e coa colocación inmediata dos pivotes que impidan o acceso ao casco histórico.

14 de nov. de 2007

Máis vivendas ou máis servizos?


Vivendas familiares Principais Secundarias Baleiras

4.234 2.730 730 621
Estas cifras corresponden ao ano 2001, último balance feito polo Instituto Galego de Estatística e refírense ao concello de Pontedeume. Como se pode apreciar a terceira parte das vivendas do noso concello son secundarias ou están baleiras. Había polo tanto un superávit de vivendas en Pontedeume no ano 2001. As cifras actuais teñen que ser máis escandalosas polo aumento considerable da construción de complexos residenciais.
Reparemos agora noutras cifras, as que nos indican o número de vivendas que non dispoñen de servizo de depuración de augas:


Con servizoSen servizo
Vivendas ano 2000
2.775 710

Os actuais servizos non son suficientes para atender á poboación existente, porén algúns empéñanse en reservar máis terreo á construción de vivendas, engrosando así o parque de pisos de segunda residencia. Unha situación dende o punto de vista ambiental insostíbel. Que o proxectado plan de urbanismo pretenda urbanizar amplas extensións de chan que hoxe son rurais, non só nos condena a sufrir as deficiencias de servizos tan básicos como a depuración de augas, senón que esquilma unha das fontes de riqueza - económica, patrimonial e cultural - como é o medio rural

30 de out. de 2007

Unha demanda irrenunciábel: a protección da comarca eumesa


Nunha nova publicada no xornal El País, o Concello de Vigo abraiábase da actitude de Consultora Galega, a empresa que está a elaborar o plan de urbanismo deste concello por 200 millóns das antigas pesetas. "A documentación completa do plan xeral de urbanismo de Vigo está en poder da empresa encargada da súa redacción, Consultora Galega, e non na Xerencia de Urbanismo, segundo informou onte o alcalde, Abel Caballero, que considerou "sorprendente" esa situación."
Sorprendente tamén que Consultora Galega (CG) non aceptase as directrices emanadas da Xunta de Galiza e do propio concello vigués para modificar o PXOM despois de ser rexeitado pola CPTOPT. Curiosamente a presidencia dos promotores e empresarios de Pontevedra fixeron causa común coas teses de CG para criticar os obxectivos da Administración.
Pontedeume pode repetir estes desencontros con Consultora Galega se reparamos no acontecido nos últimos meses. Despois de ameazar con que a modificación do plan de urbanismo de Pontedeume pode retrasarse máis de dous anos, publicítase o informe de impacto ambiental que esta empresa mandou á Xunta como paso previo para a aprobación do planeamento urbanístico. Nese informe, insuficiente e enganoso, propóñense unha serie de actuacións que demostran ata a saciedade que o plan está feito á medida dos promotores. Despois de insistir na realización dunha estrada que cruzaría a ladeira do monte Breamo e que afectaría ao Camiño de Santiago, apóstase pola construción dun paseo marítimo (eles o chaman senda verde) que cruzaría todo o concello dende Arbosa ata as Fragas do Eume. Un paseo a 100 metros do litoral que sería a punta de lanza de futuras urbanizacións. Hai que lembrar que varios proxectos presentados nas oficinas do Concello solicitan permisos para construír máis de 400 vivendas en Ber e Boebre.
O goberno local ten a responsabilidade de levar a bo porto o tema do plan de urbanismo. Nin pode deixar a Consultora a decisión de ordenar urbanisticamente o concello, nin debe atender ás demandas dos empresarios da construción que só buscan o beneficio propio. Por riba de todo o goberno debe satisfacer ás xustas reclamacións dos cidadáns que optan por un concello adecuado para vivir en harmonía coa terra, a ría, as Fragas e a costa. Os eumeses temos claro que esas son prioridades ás que non estamos dispostos a renunciar e así o deixamos saber nas pasadas eleccións locais.

17 de out. de 2007

Galiza non se vende

O malestar do movemento ecoloxista non deixa de crecer e razóns non lle faltan. Se buscamos exemplos hainos de toda clase e condición. Reganosa, o máis próximo a nós xunto co urbanismo salvaxe, demostra á perfección como a legalidade retírase a un segundo plano para deixar actuar a lei do libre mercado; o Plano Acuícola, dando vía libre á proliferación de piscifactorias, destroza o litoral mesmo en espazos da Rede Natura; as minas sen licenza do Courel conseguen permiso para seguir explotando e expoliando unha das máis preciadas paisaxes galegas; as excesivas construcións, algunhas ilegais, que ateigan a costa; os ríos contaminados; o xofre emitido polas centrais térmicas; as augas non depuradas das nosas vilas e cidades; a contaminación fecal das rías...
O próximo sábado día 20 celebrarase unha reunión en Santiago á que se espera asistan a maioría das organizacións ecoloxistas que o 6 de maio levantáronse cunha consigna clara: "Galiza non se vende". No seu comunicado solicitan "a asistencia de todos os colectivos cidadáns, organizacións ecoloxistas, representantes da cultura e calesquera cidadáns que sintan a necesidade ineludíbel de opoñerse á perda do privilexiado hábitat galego, o que mellor define a nosa identidade."

14 de out. de 2007

Capital galego?


As empresas galegas están á cabeza de España en investimentos en paraisos fiscais. Os abundantes beneficios, que algúns esperaban repercutisen na economía galega en forma de investimentos e desenvolvemento, van parar aos grandes bancos de lugares como as Illas Caimán, Malvinas, Panamá e mesmo Hong Kong. Só Madrid e Andalucía superan a Galiza en fuga de capitais. Estas cifras refírense a investimentos legais, outra cousa é a evasión ilegal de diñeiro, da que non se teñen datos.
A cantidade "emigrada" durante os seis primeiros meses do 2007 é catro veces superior que a de todo o ano 2006. As principais empresas expertas en fugas son as pesqueiras e as inmobiliarias, amais doutras como Inditex, Zeltia, Adolfo Domínguez ou Losán. Galiza é una das comunidades máis especializadas na saída de dinero cara a paraísos fiscales, co apoio da banca, asesorías e consultoras empresariais.
Ultimamente estase a falar moito da necesidade de posuír un capital galego como medio para lograr o desenvolvemento do noso país. É a principal razón esgrimida polos afectos a iniciativas como Reganosa, Plan Acuícola e por certos nacionalistas que non saben ver a verdadeira condición do capital. Nun mundo globalizado como o que nos tocou padecer, o capital só entende de beneficios, nunca de nacionalidades. Agardar que os empresarios galegos, polo simple feito de selo, invistan as plusvalías en galiza, é dunha considerábel inxenuidade como o proban os feitos. No caso das empresas da construción, os efectos da fuga de capitais son aínda máis graves: ademais da evasión, déixannos o territorio anegado de cemento.

13 de out. de 2007

Danos colaterais do ladrillo

Reproducimos unha carta publicada en El País por unha lectora

Agora que pasou a resaca informativa en relación coas recentes inundacións de Andalucía e Baleares, con resultados de mortes e danos materiais, cabe facer unha pequena reflexión. Se os meteorólogos afirman que as choivas non foron excepcionais, por que se produciron avenidas en sitios onde nunca as houbo? En todas as noticias que trataron destes fenómenos, en ningún momento mencionouse que quizá sexa a propia actuación humana o que produciu unha situación de risco. Cando chove, a auga necesita tempo para chegar a unha zona baixa desde o lugar onde caeu. O asfaltado e a perda de chan, asociados ás innumerables urbanizacións que se constrúen ao redor de pobos próximos a grandes cidades, fan que a auga flúa máis rapidamente que sobre un chan cuberto de vexetación; ademais, iso impide que se infiltre a choiva no subsolo, polo que aumenta a cantidade de auga que se pode concentrar. Estes dous simples feitos, que por outra banda se ensinan aos estudantes de primeiro curso de Ciencias Xeolóxicas ou Ambientais, mostran que non se pode deixar a xestión do territorio exclusivamente aos políticos: técnicos ben informados e científicos deben participar nos órganos de decisión. Isto evitaría moitos riscos innecesarios e mitigaría as inundacións, que, neste caso, pódense considerar un dano colateral da política desenfreada do ladrillo.
Ana Crespo Blanc (Profesora de Xeoloxía. Universidade de Granada)

11 de out. de 2007

Pontedeume republicano




O Partido Popular, ao colgar da fachada do Concello unha bandeira monárquica, fai ostentación do seu credo máis nacionalista, o da España golpista que usurpou mediante un cruento golpe de estado a legalidade republicana elexida democráticamente polo pobo español. Que escolla o 12 de outubro é para celebrar outro nacionalismo, tamén criminal, que exterminou aos pobos indíxenas das Indias.

1 de out. de 2007

O tráfico como excusa


O tráfico é unha enfermidade á que algúns galenos quérenlle aplicar remedios inútiles. Lonxe de erradicar o mal, limítanse a aliviar os síntomas. Hai un abuso desmesurado do uso do automóbil por parte dos cidadáns e, inevitabelmente, aparecen problemas de aparcamento. Pero estes son esporádicos e só en determinadas épocas do ano polo que plantexar solucións radicais como a dos aparcadoiros subterráneos ou o recheo do peirao é un desatino. Hai que lembrar que no seu momento unha empresa fixo un estudo para ver a viabilidade dun aparcadoiro subterráneo e se aconsellou non construílo. Non é pois recomendábel desfigurar o mapa de Pontedeume para calmar a indignación dos comerciantes, que son os que máis reclaman unha solución. Deberianos preocupar máis a posíbel contaminación producida polos motores dos nosos coches que a falta de espazo para aparcalos. Temos que admitir que en moitas ocasións nos excedemos no seu uso cando poderiamos desprazarnos a pé. Tamén é certo que noutras ocasións vémonos obrigados a utilizar o coche por falta dun adecuado servizo de transporte público. Pero parece que o máis intelixente é construir que investir na mellora do ferrocarril ou dos transportes comunitarios. Unha vez máis o progreso identifícase co motor sen decatarse que a situación vólvese insostíbel. Entre o CO2 e o cemento estamos a facer un mundo no que resulta cada día máis difícil sobrevivir. Unha premisa básica para deter este proceso pasa por concienciar á xente da necesidade de restrinxir o uso dos coches. Sen desbotar outras posibeis medidas como a implantación da zona azul. Se nas grandes cidades resultou eficaz cobrar unha taxa polo uso do coche, nas vilas como Pontedeume pode ser disuasorio cobrar polo aparcamento prolongado no centro da vila. Contribuiriamos a reducir as emisións, lograriamos unha maior fluídez, menos contaminación acústica e mellor calidade de vida. E por suposto, insistir na completa peatonalización do casco histórico.


26 de set. de 2007

Por un futuro mellor


Estes últimos meses distintos colectivos da comarca de Ferrol Terra veñen sufrindo as consecuencias da agudización do conflito que representa a localización ilegal e perigosa da planta regasificadora de REGANOSA. Os viciños e viciñas de Mugardos pechados na Casa do Concello desde o pasado 23 de xullo, porque ven ameazadas as súas vivendas; os mariscadores e mariscadoras que ven ameazados os seus postos de traballo co impacto ambiental negativo da tecnoloxía de vaporización por auga mariña que utiliza REGANOSA, e a paralización da actividade marisqueira cando entra ou sae un gaseiro. Ademais, está o esforzo mobilizador e de
denuncia en varios frontes (xudicial, institucional, asociativo...) que parte da cidadanía desta comarca, co Comité Cidadá de Emerxencia ao fronte, ven desenvolvendo desde o ano 2000. Todo isto por estar no convencemento de que, REGANOSA é unha ameaza para a vida de 100.000 persoas e a riqueza marisqueira da Ría de Ferrol.
Sabemos que REGANOSA non ten todos os permisos que necesita para realizar a actividade que mantén nestes momentos. Non ten a acta de funcionamento definitivo. Aínda así, desde o pasado 9 de maio, co pretexto de “probas”, está protagonizando un feito consumado máis, co funcionamento de todos os seus sistemas de almacenamento de gas natural licuado (GNL) e de produción de gas natural regasificado que inxecta nos gasodutos, cun risco real para a vida humana e para o emprego de 600 traballadores e traballadoras do mar.
A autorización de construción de REGANOSA de febreiro de 2004, ten uns condicionados que debe resolver
antes da autorización definitiva. Seguindo a política de feitos consumados e coas complicidades políticas aseguradas no anterior goberno de Fraga, REGANOSA foise convertindo nestes anos nunha ameaza cada vez máis real dentro da nosa Ría. Desde hai un ano, con escritos e entrevistas, o Comité Cidadán de Emerxencia reiterou ao Ministerio de Industria, ao Delegado do Goberno en Galicia, ao Subdelegado e ao Director da Área de Industria e Enerxía da Coruña, que os condicionados da autorización de REGANOSA deberían ser verificados pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas. Como se dunha pataca quente se tratase, esta administración trasladounos á Área de Industria e Enerxía da Coruña que non conta cos recursos necesarios para realizar esa verificación, correndo toda a comarca o perigo de que a autorización definitiva se faga tendo en conta só os informes que a propia REGANOSA presente diante deste organismo.
É imposible que REGANOSA poida resolver determinados condicionados da súa autorización de construción de febreiro de 2004, entre eles o das distancias á poboación que require o artigo 12 do Real Decreto 1254/99 ou Directiva Seveso II, segundo testemuña o informe de 22 de xaneiro de 2004 da Dirección Xeral de Urbanismo, único organismo competente para aplicar en Galicia dito artigo. Así mesmo tamén é imposible que REGANOSA poida resolver a saída ao mar dos gaseiros en caso de emerxencia, segundo require a norma EN-1532 de obrigada aplicación tal e como tamén testemuña outro condicionado da Autoridade Portuaria de Ferrol nos seus informes de outubro de 2001 e xaneiro de 2004.
Necesitamos un esforzo máis de toda a cidadanía para conseguir que as institucións que poden parar esta ameaza ecolóxica e para a vida humana, cambien as súas políticas:
a) O Goberno Central que ten competencias para decidir que, en base a eses condicionados non resoltos, non sexa aprobada a acta de funcionamento definitivo de REGANOSA.
b) A Xunta de Galicia para que renuncie à herdanza envelenada do caso REGANOSA, e así mesmo, reoriente a súa política enerxética para que deixe de ser unha ameaza para a Ría e para a vida de miles de persoas de Ferrol Terra.
c) O Concello de Ferrol para que acorde dirixirse ao Tribunal Supremo a fin de que faga firme a sentenza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a falsa tramitación ambiental de REGANOSA.
d) O Concello de Mugardos, para que revise as licencias, permisos e acordos con REGANOSA, que están ameazando a vida e os intereses da veciñanza.
A unidade, a conciencia cidadá, a transparencia e a mobilización conseguirán o noso obxectivo.
NUNCA É TARDE para que unha decisión administrativa, xudicial ou política paralice esta ameaza antes de que ocorra unha catástrofe que pode provocar miles de vítimas.
PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!!
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol


17 de set. de 2007

Atascos en Pontedeume


A Xunta está a impulsar as Áreas Metropolitanas como unha nova forma de descentralización. Haberá dúas grandes áreas, a de Vigo-Pontevedra e a de Coruña-Ferrol. Nestas dúas áreas se concentrará a meirande actividade económica de Galiza. Que significa a creación das Áreas Metropolitanas? Trátase de que os concellos englobados nestas grandes áreas funcionen como un único estamento, que compartan depuradoras e plantas de lixo, que coordinen os portos, que harmonicen os seus planos de urbanismo, e que dispoñan un transporte metropolitano común. Un transporte que incluirá barcos, trenes, autobuses e estradas libres de peaxe. De feito unha proposta oficial contempla eliminar a peaxe entre Vigo e Pontevedra. "O transporte metropolitano será unha revolución e unha aposta clara pola competitividade do transporte público. Haberá zonas de transferencia, billetes únicos sen penalizar o transbordo, para que os cidadáns que usen o transporte metropolitano non teñan que volver pagar ao incorporarse ao urbano de Vigo", explicou Caride.
Pontedeume formará parte da Área Metropolitana de Coruña-Ferrol. Tendo en conta os obxectivos antes sinalados, será inevitábel a eliminación de peaxe entre Ferrol e Coruña. Esta medida, que ninguén discute como a solución para erradicar definitivamente os atascos de tráfico en Pontedeume, debería ser adiantada no tempo. Non é utópico reclamar a eliminación da peaxe entre Ferrol e Miño. A solución a este grave problema xustifica todo esforzo que se faga. A redución de beneficios para a empresa concesionaria non debe ser esgrimida como oposición a esta proposta. O Estado debe garantir o normal funcionamento do tráfico rodado e o benestar dos cidadáns fartos de soportar retencións e gastos nos seus desprazamentos. Dende un punto de vista social, os elevados beneficios de Audasa, que só en peaxes recaudou 138 millóns de euros no 2006, non poden pesar máis que os importantes gastos que o Estado debe acometer para solucionar os problemas de tráfico en Pontedeume e as incomodidades ocasionadas aos cidadáns. Esta é pois a única solución viábel e razonábel


16 de set. de 2007

O Salario do Silencio


O xoves día 20 ás 20:00 h. proxectarase na Biblioteca Municipal o documental "O Salario do Silencio" reaizado poal actriz Mabel Rivera e Enrique Banet. Ámbolos dous estarán presentes para comentar o traballo e establecer un diálogo cos presentes sobre a planta de gas que Reganosa instalou en Mugardos. Estarán acompañados por Miguel López (da Asoc. Veciñal Fontelonga), e Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataf. de Veciños O Cruceiro de Mehá).

14 de set. de 2007

PXOM: máis urxente que nunca


Pontedeume necesita con urxencia un plano de urbanismo que poña algo de orde no caos urbanístico que se está a padecer. O avance do PXOM elaborado pola empresa Consultora Galega foi desestimado pola Xunta de Galiza e agora esta empresa ten a obriga de facer as correccións necesarias para que, axustándose ás directrices marcadas pola Consellaría de Política Territorial, poida finalmente ser aprobado. De fontes oficiosas sábese que antes de dous anos no será posíbel rematar coas modificacións do novo plano. Pero este prazo de tempo é demasiado longo se temos en conta a situación actual do concello de Pontedeume. No casco histórico estase a edificar sen aterse ás normas que protexen o patrimonio; no rural parece non existir ningunha lei que regulamente a construción; os promotores están ao axexo aproveitando a falta de ordenamento urbanístico. Pontedeume precisa dunha ordenanza que lle permita poñer freo aos desmáns urbanísticos e, ao mesmo tempo, planificar o seu crecemento dun xeito racional e acorde coas necesidades da poboación.

25 de ago. de 2007

Redes



Non é o nome da pequena localidade do concello de Ares pero podería ser o nome da vila de Pontedeume a xulgar pola cantidade de redes que engalanan as súas rúas. Unha proba inequívoca da súa condición de vila mariñeira.

En pesca, as redes de deriva, tamén chamadas cortinas da morte, son un perigoso sistema de arrastre que condena a numerosas especies mariñas a desaparecer. A ONU xa pedíu unha moratoria internacional para erradicar o uso deste sistema de pesca. Dende aquí sumámonos a esta petición e aportamos unha alternativa ao uso destas redes. Trátase de utilizalas para protexer aos viandantes dos posibeis cascallos que se desprendan das fachadas do casco histórico. Cada día son máis numerosos os edificios que corren perigo de derrubamento e o uso das redes faise imprescindíbel. Demandemos do Sr. Alcalde que por medio das súas influencias, que as terá, solicite aos patróns de pesca de toda Galiza a cesión de cantas redes de deriva posúan. Unha medida protectora coa fauna mariña á vez que un modelo de reciclaxe.

23 de ago. de 2007

A nova imaxe de Pontedeume


As obras que modificarán totalmente a fachada marítima de Pontedeume xa se están a realizar e, como sempre, ás costas dos que supostamente imos ser beneficiados. Un novo colexio máis os almacéns, o centro de actividades acuáticas e a lonxa, darán unha nova imaxe de Pontedeume para os que se acheguen dende a ponte de pedra. Pero ninguén pode garantir que esa imaxe sexa a máis adecuada á fisonomía da vila. Algúns deses proxectos fixéronse con total independencia dos outros, o que lles conferirá un aire quizais antagónico. E aínda dando por suposto o bo gusto dos arquitectos redactores dos proxectos, parécenos obrigado someter á crítica pública as obras deseñadas por aqueles. Fíxose así en proxectos moito máis importantes que os que aquí se mencionan e en cidades con maior peso urbanístico. Sería desexábel a exposición pública dos proxectos aprobados. En primeiro lugar por tratarse do dereito que temos os cidadáns a coñecer o espazo no que imos convivir; en segundo lugar, como demostración de que a xestión local é transparente e está ao servizo dos intereses da comunidade.

8 de ago. de 2007

Demora do novo PXOM



Pontedeume e Vigo parecen irmandadas por Consultora Galega. Segundo publica Europa Press, o alcalde de Vigo asegura que antes de rematar o ano haberá novo PXOM na súa cidade. O proxecto, elaborado por Consultora Galega, foi rexeitado pola Xunta hai escasos meses e devolto ao Concello para a súa modificación.

Tamén en Pontedeume o planeamento urbanístico foi retirado pola Consellaría de Política Territorial e, seguindo coas semellanzas, a empresa redactora foi a mesma que a de Vigo. A diferencia está en que Consultora Galega non se compromete a reelaborar o novo PXOM de Pontedeume antes de dous anos.

O Concello de Pontedeume ten a obriga de exixir a Consultora Galega un compromiso de modificación do PXOM en breve prazo. O noso Concello leva 20 anos sen plano de urbanismo, cunhas normas subsidiarias obsoletas e imposibeis de adaptar á nova lexislación, tanto á Lei do Solo de 2007 como á de Protección do Litoral. Faise preciso que se regule e planifique o crecemento urbanístico, que se comece a protexer o casco histórico e que se preste atención os espazos merecedores de protección.

Pero as obrigas do Concello non rematan en Consultora Galega. Como se sabe, o proxecto elaborado por esta empresa para Pontedeume pretendía legalizar moitas das obras sobre as que pesan expedientes. O novo goberno debe plantexarse como algo prioritario o acatamento da legalidade e debe facer recaer sobre os construtores todo o peso da lei. A permisividade amosada polo Concello cara os empresarios da construción é incompatíbel cunha lei que trata por igual a todos os cidadáns. Agora sabemos que esa permisividade chegou ao extremo de exonerar do pago polas licenzas concedidas aos promotores. Un dato máis do escandaloso comportamento dos nosos gobernantes no período 2003-2004 e que fai público o Consello de Contas.

2 de ago. de 2007

Para cando en Pontedeume?


Transcorridos dous meses dende as eleccións locais, algúns concellos que optaron polo cambio xa tiveron mostras deste en forma de decretos que atendían ás demandas cidadáns. O caso de Ferrol é o máis paradigmático pois é onde se concentrou o maior número de anulacións de permisos concedidos pola corporación anterior. A Praza de España, a carballeira de Menáncaro ou a Praza de Sartaña son tres exemplos, non únicos, de como a forte contestación social que orixinaron, tivo unha resposta democrática por parte da nova corporación. Tamén en Sada, o novo alcalde, o nacionalista Abel López Soto, anunciou que se ía demoler parte do Náutico así como unha edificación.
Tendo en conta que a política urbanística propiciada polos alcaldes anteriores foi a que provocou un malestar social, e que este favoreceu un cambio de goberno, faciase necesario que os novos rexedores atendesen ás xustas demandas da veciñanza e lexislasen en beneficio desta.
O caso de Pontedeume ten semellanzas con outros concellos. Aquí houbo unha forte contestación social contra as graves irregularidades que se estaban a cometer en materia urbanística. O resultado, ao igual que en Ferrol e Sada, foi un cambio de goberno. Pero a diferencia daquelas localidades, aquí non se acordou actuar contra as numerosas obras que estan paralizadas ou denunciadas. Como tampouco se anularon as licenzas que foron escandalosamente aprobadas in extremis polo anterior equipo de goberno. Todo sigue igual, como querendo demostrar que en Pontedeume non soplan os ventos do cambio.

20 de xul. de 2007

Caixa Galicia e a protección dos espazos naturais


A Xunta e Caixa Galicia asinaron un acordo polo que se pretende preservar diversos espazos naturais. A forma de conseguir este amparo susténtase na compra por parte da entidade bancaria de terreos que forman parte de espazos dignos de protección. Caixa Galicia aportará 40 millóns en 3 ou 4 anos para financiar proxectos dos que se beneficiarán enclaves de alto valor natural, entre eles as Fragas do Eume, lugar polo que o director xeral da entidade amosou sempre unha especial predilección. Este altruísta home das finanzas posúe unha casa, antiga rectoral e patrimonio da Igrexa, ás portas do parque natural. Lembremos tamén que o seu apego por este lugar estivo a piques de ser recompensado pola corporación municipal que dirixía Belarmino Freire nomeándoo fillo predilecto de Pontedeume.
Hai poucos meses Caixa Galicia adquiríu a illa de Sálvora, dentro do parque natural das Illas Atlánticas pero esta operación foi finalmente abortada polo Ministerio de Medio Ambiente que entendía que a citada illa debería formar parte do parque e polo tanto ser de titularidade pública. Non parece ser esta a opinión da Xunta que dirixe Touriño, que non ten reparos en apoiar o afán especulador de Caixa Galicia. Porque de mera especulación se trata. Amais de admitir implicitamente que os poderes públicos non son quen de garantir a tutela dos espazos naturais, Touriño acepta que sexa unha empresa de capital privado a que utilice o patrimonio natural dos galegos como obxecto de investimento. Se antaño a Igrexa foi a detentadora do patrimonio cultural dos pobos , hoxe son as entidades financieiras as que exercen ese poder, pero non só sobre o patrimonio cultural senón tamén sobre o arquitectónico e o territorial. Son numerosos os edificios emblematicos que ditas entidades posúen en todas as cidades, obras de arte e agora parques naturais. Sabemos que o diñeiro como moeda perde o seu valor en cuestión de meses; o intelixente é especular.
Poñer nas mans de Caixa Galicia a protección das paraxes naturais é como pedirlle ao raposo que protexa ás galiñas. Esta entidade ten participación en proxectos que atentan contra o medio ambiente, o territorio e a saúde das persoas. Reganosa, Endesa e Ence son exemplos flagrantes destas actividades. Resultan grotescas as palabras do presidente da Xunta ao dicir que “é o mellor sinal de que desde a preocupación amosada por Caixa Galicia se sintoniza cos mellores valores dunha sociedade moderna, dunha sociedade democrática que sabe e que ten nos seus recursos, no noso patrimonio e no noso territorio os mellores valores".

15 de xul. de 2007

A Fiscalía acusa dun posíbel delito contra a ordenación do terriotrio


A razón está na obra que, primeiro Juan Sampedro e logo Lagares e Álvarez, construiron na estrada da estación. Disconformes cos beneficios que estimaban pola venda das 18 vivendas que o Concello lles concedera, decidiron ampliar o volume da edificación ata as 55 vivendas. Non só se desfalcou ao concello por unhas taxas que non se correspondían co construído senón que se ocupou solo público destinado a urbanizar a zona.
O colectivo Fusquenlla, farto de presentar denuncias contra o que obviamente era un abuso dos promotores, decidíu recorrer á fiscalía do TSXG. Esta estima razonabeis as queixas de Fusquenlla e decide incoar unha denuncia por un posíbel delito contra a ordenación do territorio.
Esta obra, que leva paralizada dende hai varios meses, estaba esperando a aprobación do PXOM para poder ser legalizada. Certos concelleiros do anterior goberno tiñan a esperanza de que así sucedese. Pero a Xunta de Galiza non parece ver correcto o planeamento urbanístico que se quería aprobar e condena a este edificio a pasar polas tribulacións propias dun xuizo.
O delito do que se acusa leva aparellada a pena de cárcere, multas e inhabilitación aos promotores, construtores e técnicos directores de obra. Por unha vez existe a posibilidade de que tanto a empresa promotora (Lagares e Álvarez) como a construtora (Construeume) paguen polas desfeitas urbanísticas que inflixiron ao pobo de Pontedeume. Non nos alegramos polo feito de que alguén acabe na cadea, pero si polo que de escarmento suporía para futuras actuacións doutros promotores. Tampouco sería xusto un desenlace deste tipo se non incluíse aos que, dende detrás dos despachos, permitiron semellante dislate.
Hai uns días se coñecía tamén que un xuíz anulara dúas licenzas de vivendas construídas en Nogueirosa, aumentando así a 4 as vivendas desta parroquia que xa foran anuladas polo poder xudicial. Esta nova actuación da Fiscalía parece confirmar que algo se move neste concello. O camiño é longo e arduo pero altamente beneficioso. O clamor cidadán contra o urbanismo que convirte ao noso territorio en moeda de cambio, ten eco en instancias xudiciais, aínda que non no poder executivo.


12 de xul. de 2007

Xuíces, alcaldes e cidadanía


Ultimamente as soluciòns aos problemas de urbanismo parece vir dadas pola actuación dos xuíces. E non só polos maxistrados senón tamén polos colectivos cidadáns que apostaron polo crecemento sostíbel das vilas e aldeas. Á marxe deles, os alcaldes. Empeñados en conceder licenzas ilegais, amparándoas na ambigüidade das leis, non atenden ás xustas reclamacións dos veciños que se opoñen aos abusos dos promotores. A estes quédalles a posibilidade de acudir a organismos superiores que deberían velar polo cumprimento das leis. A Consellaría de Política Territorial sería a máis apropiada para obrigar aos Concellos díscolos a aplicar a lexislación. Mais isto poucas veces sucede.
Que facer? A veciñanza ten o dereito a acudir aos tribunais para restituir a legalidade que os gobernos locais conculcan. Lamentábel que sexan os cidadáns, os mesmos que pagan impostos para disfrutar dunha administración pública, os que teñan que controlar, advertir e denunciar as infraccións urbanísticas.
Hoxe publícase que un xuíz anulou outras dúas vivendas construidas en zona de protección de costas, en Nogueirosa. Xa van catro chalés coa licenza anulada. Non sabemos que vai ocorrer con estas edificacións. E no suposto de ter que demolelas, quen correría cos gastos. Hai uha responsabilidade do Concello por conceder as licenzas; hai outra dos promotores porque sabían da ilegalidade das actuacións. Non se pode alegar descoñecemento por uns e polos outros. No que afecta ao Concello, as leis deberían contemplar a posibilidade de que os concelleiros e alcaldes responsabeis asumisen persoalmente os gastos derivados das indemnizacións, se as houbese. Non se pode gobernar impunemente sabendo que aos actos propios do goberno non lles é de aplicación a lexislación penal. Do contrario, serán os cidadáns os penalizados.

1 de xul. de 2007

Pontedeume onírico

Todos soñamos co que desexamos. Algúns soños poderían ser realidade se o home non fose tan ruín. Pontedeume podería ser como calquera destas vilas europeas.

12 de xuño de 2007

Alguén ten que comerse as palabras


Despois de coñecerse o ditame da Xunta sobe o plano de urbanismo eumés no que se aduce para a súa denegación o excesivo aumento do chan edificábel, podemos lembrar as palabras dos responsabeis locais. Estes, con Manuel Rei á cabeza, tentaban convencer á veciñanza dos beneficios do planeamento que o Concello mandara elaborar á empresa Consultora Galega. En opinión de Manuel Rei o PXOM sería "un instrumento que poñería fin á permisividade da anterior lexislatura xestionada polo PSOE e traería a disciplina urbanística" Tamén salientaba o político nacionalista que "non ía haber nigún punto negro no litoral". Por se non abondase remachaba que "na costa eumesa non hai grandes urbanizacións e non has haberá" (Declaracións recollidas en La Opinión do 3 de marzo do 2007)

Porén o balance que a Xunta fai deste PXOM que tantas venturas debería aportar a Pontedeume é desolador e desminte os presaxios de Rei. O Concello non xustifica o previsíbel crecemento urbanístico que traería a construción de máis de 3000 vivendas en 8 anos polo que carece de sentido crear grandes masas de chan urbanizábel residencial. No documento remitido pola Xunta se sinala que o proxecto de construción dentro da franxa de protección do litoral de 500 metros carece de "xustificación razoada".

É dicir, segundo a Consellaría de Política Territorial o PXOM permitiría a construción de urbanizacións no litoral, contradicindo as palabras de Manuel Rei que afirmaba o contrario. Parece que a permisividade si sería unha grande característica deste plano de urbanismo, acompañada da falta de disciplina que xa se xestou durante os catro últimos anos. Resulta incomprensíbel que o Sr. Rei se atreva erixirse en defensor da disciplina urbanística se lembramos que hai ditadas ordes de paralización sobre case 200 vivendas e que non se acataron. E correspońdense ao período no que o BNG ostentaba a concellalía de urbanismo.

9 de xuño de 2007

Outra oportunidade perdida


Como xa se prevía o PXOM de Pontedeume non conta co beneplácito da Xunta e debe ser modificado. As razóns son varias e coinciden coa valoración que o colectivo Fusquenlla fixo no seu día deste proxecto que tentaba dotar a Pontedeume dun planeamento urbanístico acorde cos intereses dunha minoría. Porque diso se trataba, de facilitar aos promotores unha ampla superficie de terreo na que seguir levantando máis mamotretos ao estilo do de Caldagueiro. Un plano de urbanismo á carta para empresas da construción e das inmobiliarias, e contrario aos intereses da veciñanza que exixe un hábitat cunha alta calidade de vida e unha protección do entorno que garanta o futuro do concello. É dicir, un plano que dote de máis e mellores servizos aos núcleos xa existentes ao tempo que preserve paraxes como o litoral, o entorno de Breamo e as Fragas do Eume.
Moitas veces oimos proclamar os beneficios deste PXOM, agora desbotado pola Xunta, aos responsabeis da súa creación, os nacionalistas do BNG. Pretendían vendelo á cidadanía como o mellor plan que Pontedeume se podía permitir, unha aposta segura para evitar máis aberracións urbanísticas (como se eles non fosen responsabeis destas) e conseguir un desenvolvemento racional para Pontedeume. Pura demagoxia como acaba de demostrar a CPTOPT ao rexeitar o ordenamento urbanístico proposto. Entre as causas que aduce o goberno autonómico está o excesivo incremento da superficie urbanizábel, a nula protección que se ofrecía a zonas como Ber, Breamo e outras de inacalculábel valor paisaxístico, e a escasa atención que se presta aos núcleos rurais xa asentados con deficientes servizos básicos.
Cremos que esta decisión da Xunta xa era coñecida polos rexedores locais se ben a súa publicación non era aconsellábel antes das eleccións locais. Sendo magnánimos con dirixentes do PSdG e do BNG diriamos que o seu foi un garrafal erro de apreciación; máis exixentes teriamos que declarar que o seu foi un posicionamento a favor dos representantes do capital inmobiliario. En calquera caso, un dano irreparábel para os ciadadáns deste concello que terán que esperar outro tempo para conseguir ese tan anhelado planeamento urbanístico que permita crecer con sostenibilidade o territorio eumés, amais dun gasto innecesario que repercutirá nas arcas municipais.
Non podemos pedir a demisión destes políticos ineptos e corruptos; o pobo de Pontedeume intelixentemente paosunos ao retiro.

4 de xuño de 2007

Reganosa


Os conflitos sociais sempre pasan factura aos partidos políticos, para ben ou para mal. A instalación da planta de gas na ría de Ferrol foi unha auténtica cruz para o BNG que dende os priomeiros momentos tivo que achantar con graves crises internas, dende a renuncia de varios concelleiros e destacados militantes ata a perda dun número considerábel de votos nas pasadas eleccións. Este domingo tivo lugar a máis grande manifestación que se celebrou contra Reganosa e un detalle que non pasou desapercibido polos medios de comunicación foi a sonora pitada que se adicou ao parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez. Como se sabe, este diputado criticou abertamente ao Comité de Emerxencia que abandeira a oposición á planta de gas. Foron as súas críticas tan esaxeradas que inmediatamente víuse obrigado a matizar as palabras proferidas en contra de "certas persoas que compoñen o Comité". Debe pensar o Sr. Rodríguez que o sistema de funcionamento deste colectivo cidadán semella ao da súa organización, na que a opinión dos persoeiros é a voz do BNG.
Non podemos pensar que esta actitude de Francisco Rodríguez foi unha metedura de pata propia do nerviosismo das eleccións. A posición do BNG con respecto ao tema de Reganosa é anterior, xusto cando se plantexa a construción deste complexo industrial. O BNG considera que unha prioridade para Galiza e o seu desenvolvemento pasa pola creación de grandes empresas de capital galego, ignorando que o capital non ten fronteiras nesta época de globalización. Exemplos non faltan de empresas galegas que acabaron en mans de capitalistas foráneos: Fadesa e Leyma serían as máis recientes. Quere isto dicir que un capital "galego" non trae necesariamente máis riqueza a Galiza que outro que non o sexa. A riqueza mídese polos postos de traballo e pola calidade de vida dos cidadáns. Nin unha cousa nin outra é Reganosa capaz de asegurar. A pretendida creación de postos de traballo vese desvirtuada pola aniquilación dos medios de subsistencia dos mariñeiros da ría de Ferrol; a calidade vida dos habitantes da ría e entorno sería unha entelequia por mor do grave perigo que a planta supón para a vida dos cidadáns.

31 de maio de 2007

Quen mentía?

Publicado en La Opinión o día 17 de decembro do 2006:
Desde el BNG aseguran que el avance del plan urbanístico eumés no desatiende a los núcleos de población tradicionales ni favorece las grandes urbanizaciones. "Faltan a la verdad [Fusquenlla y las entidades vecinales], están desinformando o simplemente quieren confundir a la opinión pública. De acuerdo con la Lei 9/2002 en la totalidad de núcleos rurales se prevé la expansión en un radio de 200 metros. Frente a lo que se asegura, no se recogen macrourbanizaciones ni campos de golf, ni se pretende favorecer ninguna especie de saturación o colapso urbanístico", recalcan los nacionalistas...Los nacionalistas indican, finalmente, que no pueden compartir la "obsesión de los que consideran, a través de la crítica destructiva, a Pontedeume como un punto negro dentro del litoral"

En abril do 2006 o Concello promove a redacción dun plan de sectorización en Boebre para construir 219 vivendas

O 21 de maio do 2007 o DOG publica a aprobación inicial do plan parcial de Ber, unha urbanización de perto de 200 vivendas.


29 de maio de 2007

Unha lectura


Moitas veces as conclusións que se deducen dos resultados electorais están moi deformadas pola visión interesada dos políticos que participaron na contienda. Tentan xustificar un fracaso ou unha victoria na procura dun rédito político, e a argumentación pode ser falsa.
O descenso de votantes do PSdG e BNG é real. Entre ambos perderon 452 votos. Unha cifra nada desdeñábel. Curiosamente este ano aumentou a abstención e o número de votos en branco. A variación con relación ao 2003 supón 350 votantes máis que decidiron absterse ou votar en branco. Esta cifra pode atribuirse case completamente a votos de socialistas e nacionalistas, e aínda quedarían "perdidos" outros 100 votos para completar o déficit de 452 votos que sumaron entre os dous grupos. O destino destes votos podemos intuilo se pensamos que o PP e o COE só gañaron 134 votos.
Temos polo tanto unha parte considerábel de votantes de esquerdas que deciden retirar o seu apoio a PSdG+BNG, e unha parte máis pequena que trasvasa o voto ás formacións de dereitas.
E isto é así porque non cabe dúbida que o voto en branco corresponde a un electorado de esquerdas decontento co labor desenvolvido polo goberno sainte.
As causas dese abandono electoral poden ser varias pero indudablemente o descontento social producido polas obras que, amais de deteriorar a paisaxe eumesa, deixaron entrever unha política de corrupción ao servizo dos promotores inmobiliarios é a causa principal que explicaría este revés electoral. Non é doado dixerir que un goberno de esquerdas, ou que se proclama así, poida incurrir en semellante grao de perversión democrática: corrupción, escurantismo, favoritismo, prevaricación e mentiras. O dano que estes politicastros fan á idea de progresismo é inconmensurábel. O 6 de maio moitos eumeses estabamos en Compostela defendendo o noso territorio; o 27 de maio demostramos aos ineptos que non estamos dispostos a transixir nesta defensa.
Os cidadáns non imos aceptar a chantaxe dos que fan súa a máxima: "o comigo ou o caos". Eles trouxeron o caos e deben asumir as responsabilidades. Algúns foron "invitados" a marcharse; outros insisten en seguir. Exiximos ter a opción de poder votar a opcións progresistas, e para iso os partidos políticos deben proceder a unha depuración dos que confunden o servizo á colectividade co aproveitamento persoal.

21 de maio de 2007

O ladrillo das eleccións


Fartura. Iso é o que temos os cidadáns en determinadas épocas. Durante as eleccións acabamos con indixestións e mal alimentados. As mensaxes dos candidatros non satisfán as nosas necesidades. Son moitas as preguntas que nos facemos e trasladamos aos políticos, preguntas sobre problemas acuciantes que existen en Pontedeume. E as respostas, ou non existen ou son vagas. O urbanismo é o maior problema ao que nos enfrontamos porque del vai depender o futuro do noso concello. Porén os partidos políticos o sortean como unha enfermidade contaxiosa da que se queren afastar.
Algúns, como o PSdG, aprópianse con descaro dos lemas que o movemento "Galiza non se vende" lanzou o 6 de maio en Compostela. Falan dunha nova cultura do territorio e baleiran esta proposta do seu contido sen concretar cal é esa cultura que pregonan. Dende logo a que eles mesmos practicaron en Pontedeume está nas antípodas da que os colectivos cidadáns e ecoloxistas defenderon na mobilizacion do día 6.
Outros, como o BNG, sen arrepentirse do feito ao longo dos últimos catro anos en materia urbanísica (período gris de Pontedeume), defenestran ao seu concelleiro de urbanismo facéndoo aparecer como único responsábel do desaguisado. Se por tránsfuga entendemos o que desobedece a liña política do partido dándose á fuga (algún día saberemos cal foi o camiño que tomou) hai que aceptar que o concelleiro de urbanismo o é. Pero a desautorización que o BNG fai de Regueiro non é máis que unha operación estética que non convence a ninguén porque os mesmos representantes do BNG aprobaron ao unísono un proxecto para construir máis de 200 chalés na costa de Boebre. E fixérono sixilosamente e sen recoñecelo.
Do PP, COE, IEP e TG non caben esperar nada mellor. Algúns decántanse claramente polo urbanismo máis agresivo: portos exteriores, aparcamentos subterráneos, etc.; outros non se manifestan porque non saben ou porque chocarían co sentir dos votantes.
En calquera caso o urbanismo é o gran ausente dos programas electorais dos partidos. Non só non dan estratexias para o futuro senón que non ofrecen solucións aos problemas presentes.Ninguén se manifesta sobre as máis de 200 vivendas con orde de paralización que hai en Pontedeume. Ninguén aclara que vai pasar co PXOM e como compaxinar ese desmedido crecemento urbanístico cun crecemento sostíbel da vila e parroquias. Ninguén se manifesta contra as urbanizacións que fortificarán toda o litoral eumés.
Cuestións tan complexas que só admiten dúas posicións: a defensa dos intereses da comunidade ou a salvagarda dos beneficios dos predadores do territorio. O silencio cómplice dos partidos políticos é unha afronta á dignidade dos eumeses, un desprezo ás súas inquedanzas e unha burla á súa vontade de vivir nun hábitat máis humano.
E como non queremos que se faga máis do mesmo, polo menos no noso nome, debemos manifestar o noso repudio cun voto en branco. Un voto sinónimo de transparencia e de limpeza.

17 de maio de 2007

Na procura dos votos


Algúns pensarán que as cousas a partir de agora xa se poderán reconducir. O alcalde e o concelleiro de urbanismo deixan o concello e "morto o can , acabouse a rabia". Pero os cans empéñanse en demostar o contrario. Nas últimas semanas poidemos ver como se asinaron permisos dun xeito vertixinoso.
Primeiro foi a solicitude que presentou un empresario para recalificar os terreos nos que se asenta a súa empresa...e as propiedades colindantes dos veciños. Despois dunha forte contestación social, os representantes do noso pobo xustificáronse dicindo que descoñecían o alcance das propiedades recalificadas. Non sabemos se están a mofarse dos cidadáns ou só é un problema de incompetencia.
Posteriormente aproban dous grandes proxectos de urbanizacións que se levantarían en terreos rurais de Boebre, unha a carón da antiga e fantasmal urbanización de Ber, outra ao longo da costa de Boebre. A aprobación destas urbanizacións é o máis grande atentado medioambiental que partíu do equipo de goberno, máis incluso que a construción do "mamotreto" de Caldagueiro. Supón construir nunha franxa de varios quilómetros de costa máis de 400 vivendas. Un muro de ignominia fomentado polos que no reparan en medios para obter prebendas. Moi cuantiosas deben ser estas para sobrepoñerse ás críticas que os acompañarán na súa despedida da vida política.
Outros, os que se quedan, pretenden desligarse destes últimos movementos de formigoneiras. O cabeza de lista do BNG publica que o seu grupo non aprobou a urbanización de Ber e xustifica o voto positivo do seu camarada e concelleiro de urbanismo, Tino Regueiro, na autoexclusión deste da disciplina de partido. Pero o que non aclara é por que tamén el votou a favor da outra urbanización.
Lamentablemente non foi esta a única vez que apostaron pola cementación de Pontedeume. A nosa memoria inmediata lémbranos cando o BNG e o PSdeG concederon as licenzas de Caldagueiro, da casa de D. Pablo, do edificio próximo á estación, das vivendas en zona de protección costeira de Nogueirosa, en zona rural de Vizús, e en zona rural de Boebre. Case todas elas cun expediente de paralización que non se acatou. Cren estes señores que cun lavado de mans de última hora poden eliminar anos de inmundicia, desconsideración, soberbia e desprecio.
Catro anos delinquindo e só duas semanas de penitencia electoral. Pouca pena para tan grandes delitos.

7 de maio de 2007

Os partidos políticos o 6 de maio

Celebrada a manifestación en Compostela co lema "GALIZA NON SE VENDE" todo o mundo se decatou da ausencia dos partidos políticos, ou para ser máis exactos, dos prepresentantes dos partidos políticos.
Novamente, o que xa é un axioma da democracia, os políticos sitúanse de costas, cando non en contra, da sociedade civil. Nin siquera se pronuncian sobre a convocatoria. Defendela sería recoñecer o fracaso do seu labor como representantes desa sociedade; criticala suporía enfrontarse abertamente ao sector social máis comprometido. A solución óptima está no silencio. Un silencio que ao mesmo tempo lles permite sortear o malestar de conciencia de quen sabe que a corrupción añiñou nas súas entrañas.
Esta sociedade exixe un cambio radical na forma de entender o goberno os partidos politicos. Erradicar a idea de que os representantes políticos teñen carta branca para decidir, sen contar co sentir cidadán, sentir que día a día se expresa de múltiples formas, é unha necesidade inmediata. Hoxe é posíbel coñecer as demandas dunha sociedade civil, madura e con medios para organizarse e propoñer solucións aos problemas plantexados. Nunca houbo en Galiza tantos colectivos cidadáns e ecoloxistas cunha idea clara sobre como combatir os males que afectan ao noso territorio. As súas propostas deben substituír aos plantexamentos dos partidos, a ese falso pragmatismo que só agocha unha defensa inxustificábel do gran capital. A planta de gas de Reganosa deixa incontabeis beneficios a Tojeiro pero é unha ameaza seria para os habitantes da ría. As urbanizacións en Pontedeume só reportan riqueza aos promotores, despoxándonos aos eumese dunha paisaxe que forma parte de nós.
O que se cuestiona é para quen se goberna. E a pregunta é por que só se teñen en conta os intereses dos empresarios. Realmente cren os alcaldes e políticos que os intereses dos Tojeiros, Lagares e outros, coinciden cos intereses dos cidadáns? Se fose así teriamos que concluir que descoñecen os mecanismos que rexen as relacións mercantís na sociedade. Mais non parece esta a verdadeira razón. Unha aposta tan descarada polos intereses dos poderosos deben ter forzosamente unha contrapartida, e a esta chámaselle corrupción.

4 de maio de 2007

Ante o 6 de maio


Ese día celebrarase unha manifestación en Santiago para exixir o fin da degradación que o territorio galego está padecendo. Será a primeira vez que a case totalidade dos colectivos ecologistas e cidadáns, apoiados polas voces do mundo da cultura, respondan ao unísono ante a grave ameaza que supón as innumerables actuacións que se executan tanto no litoral como no interior de Galiza. Que esta resposta proveña de tan numeroso abano social non obedece a unha acción espontánea e inexplicábel senón a un malestar que se estivo xestando ao longo dos últimos anos. O que ata agora foi o recuncho verde deste país, está a piques de converterse nunha paisaxe gris de cemento e contaminación. As rías, antes fonte de riqueza e vida, serven de almacén de sustancias tóxicas e perigosas; o litoral pasou de ser unha fiestra de luz a un muro que divide mar e terra como dous territorios que se descoñecen; os espazos protexidos poden extinguirse polo estrabismo dos seus protectores; e os cascos históricos deixarán de ser testemuñas da idiosincrasia propia das nosas vilas e aldeas.
Os galegos contemplamos sen acougo como o valor máis preciado que posuímos, o que forma parte da nosa vida e que modela a nosa identidade, pode desaparecer polo afán desmedido duns promotores ávidos de fácil riqueza. Uns mercadores do chan aos que non lles importa vivir da Natureza, sendo os galegos un pobo que vive coa Natureza. Este pobo, ao que algúns queren esquilmar aproveitándose da súa suposta pero nunca probada indolencia, pode dicir basta como o fixo noutras ocasións. Pode evitar que o seu futuro sexa deseñado polos que sobre o papel só saben debuxar trazos e cotas. Un pobo que demostrou saber labrar - no sentido máis amplo do vocábulo - durante séculos unha terra e unha xeografía, non vai permitir que o seu labor se vexa socavado polas sucias mans dos especuladores. Unha esperanza pódese abrir o 6 de maio e debemos aproveitala se queremos garantir un futuro cheo de vida, de terra e mar. Un futuro no que aquel labrego de Castelao non lle teña que dicir aos seus fillos que "a nosa terra non é nosa, rapaces".

23 de abr. de 2007

Novo comunicado dos afectados pola recalificación de EINSA

Einsa xera novos postos de traballo.
Estes días pasados presentáronse na Xunta de Galicia, os señores de EINSA na compaña do señor Agustín Vilariño (letrado é candidato a alcalde do PSOE). Debe ser que uns non se fían do seu equipo xurídico e o outro non ve seguro o choio de alcalde cas 530.000 vellas pesetas.
Señor Agustín Vilariño, fai pouco máis dunha semana tiñamos dúas preguntas para vostede, que eran:
¿Que opinaba no ano 2000 (sendo tenente alcalde)? e ¿que opina agora (que é aspirante a alcalde) sobre a recalificación que solicitou EINSA? Nós, os donantes de terra e cartos para o CONCELLO + EINSA, non lle oímos nada, e isto cáusanos moita preocupación e tráenos outra pregunta,que lle imos facer de seguido:
¿Se saca o choio de alcalde, vai facer valer a democracia dos votos ou a ditadura dos cartos?. En canto a votos non temos moi seguro por quen votaremos pero o que temos seguro e cantos somos os afectados, rondando 500 persoas.
Agora señor Agustín Vilariño xa son tres as respostas que nos pode dar,e nos queremos oír.

¡NÓS SEGUIREMOS DEFENDENDO AS NOSAS TERRAS!

21 de abr. de 2007

Quen o entende?

Reprodúcese aquí un escrito de Manuel Rei, concelleiro do BNG en Pontedeume e unha das voces máis críticas cos que defendemos un urbanismo racional e sostíbel para este concello.
Di M. Rei que o feísmo urbanístico existe "pero, sen eximírmosnos da reponsabilidade que cada un de nós temos en tanto desleixo e caos, o certo é que sería de xustiza repartir as culpas coas nosas institucións que nos gobernan e coas grandes empresas que operan, con alevosía ás veces, no noso territorio. Eles foron e son os máximos responsabeis de que teñamos chegado á situación actual"
"A administración autonómica e grandes empresas, en connivencia, teñen contribuido a todo este feísmo. Daquela, non é feismo a grande escala todo o cableado que inza as fachadas das casas de todas as vilas, aínda que sexan conxuntos históricos e monumentais?

"Agardo só que por parte dos organismos se lexisle, se conciencie aos cidadáns e se planiifique de xeito racional o uso do noso territorio"

As institucións e grandes empresas, as primeiras responsabeis da situación actual. Unha conclusión nada orixinal que proclamaron hai tempo as organizacións cidadáns que se opoñen ao urbanismo criminal que afea as nosas vilas. Esquece o concelleiro que el forma parte dunha institución que contribuíu ás maiores aberracións urbanísticas que se deron en solo eumés. E non se fala só de edificios como o de Caldagueiro ou da antiga casa de D. Pablo. Tamén o cableado, que Rei critica, forma parte dese feísmo que poido ser erradicado mais o Concello de Pontedeume, ao que el pertence, non quixo facelo. Ocasións non lle faltaron cando se levantaron diversas rúas para a súa reconstrución.
Este afastamento da realidade, ou mellor, esta acomodación do discurso aos intereses partidistas, pode propiciar a asistencia de políticos como M. Rei á manifestación do 6 de maio en Compostela.

13 de abr. de 2007

EINSA (Empresa INmobilaria SA)

Onte celebrouse unha reunión cos propietarios dos terreos afectados pola recalificación que promove EINSA. Os convocantes eran Manuel Rei e Emilio Salorio, ámbolos dous concelleiros do BNG en Pontedeume. Mais a convocatoria non partía do Concello, como sería lóxico, senón que era unha iniciativa do BNG. Non debe extrañarnos se temos en conta que a lóxica foi erradicada desta vila hai moitos anos.
Poderíase pensar que o motivo da reunión era tranquilizar aos veciños que agora, sen desexalo, poden perder as súas propiedades; ou informalos da situación; ou ofrecerlles algún tipo de axuda. Nada máis lonxe da realidade. O ton empregado e as ameazas veladas facíaos retroceder no tempo a sistemas xa extintos.Díxoselles aos presentes que non tiñan outra opción que aceptar a recalificación promovida porque do contrario viría aprobada no novo PXOM. Por se non abondase coa chantaxe culpouse aos insolentes veciños de crispar os ánimos, algo moi propio daqueles que se opoñen ao progreso por non entender as leis que rexen os mercados financieiros.

E demostrando que a diplomacia nunca foi unha cualidade propia de caciques locais, Manuel Rei chegou a afirmar que "en principio a recalificación era para ampliar a fábrica pero que logo podería ser para outra cousa". Algo parecían saber para lanzar sen rubor semellante posibilidade. A mesma desvengonza que amosaron cando un dos veciños leu a noticia espallada polo colectivo Fusquenlla segundo a cal os administradores de EINSA crearon hai un ano unha sociedade inmobiliaria, un feito que iluminaría as ocultas razóns desta pretensión empresarial. Unha intervención que foi acompañada por un cómplice silencio por parte dos rexedores Rei e Salorio.
Tamén se lles informou aos asistentes que a empresa EINSA tiña pensado presentar un novo proxecto de recalificación no que algúns dos terreos afectados na primeira proposta quedaban fóra deste novo estudo. Moi claro debe telo o Sr.(?) Martínez Mendaña para atreverse a "rerrecalificar" un proxecto en trámite. Debe supoñer, con razón, que o pleno ten a obriga de reunirse de novo para pulir aquelas deficiencias ou imperfeccións do escrito inicial. Para iso lles pagan, aínda que non se sabe canto.
Cando hai pouco máis dun ano a familia Martínez presentou unha reestruturación de plantilla que ía deixar na rúa a decenas de traballadores, houbo unha mobilización social na que estaban presentes os concelleiros do BNG. Agora estes mesmos políticos patrocinan unhas medidas que poden conducir irremediablemente ao peche desta fábrica en Campolongo. Difícil explicación para este cambio de actitude se temos en conta o curto espazo de tempo transcorrido dende entón.Incomprensíbel esta condescendencia cos que teñen como único obxectivo a obtención doada de grandes beneficios.Ignorantes os nosos concelleiros de que a riqueza non se crea nin se destrúe, só cambia de mans, non vacilan en votar favorablemente as pretensións dos fillos predilectos de Pontedeume. Para iso son predilectos.
Descoñécese se alguén máis sae beneficiado por estas medidas. De non ser así, todo sería máis absurdo.

Escrito dos "recalificados" por EINSA


Dos “desterrados” pola recalificacion para EINSA, ÓS Señores concelleiros do goberno e aspirantes

Pode dar que os enganaran á hora de votar para a recalificación de EINSA, ou que lles taparan toda a información que contén ese expediente, pode dar... Non queremos chamarlle a ninguén inepto ou incompetente, pero pensamos que hai ben deles nese paquete de xente. Se só dous ou tres caraduras, falsos e mentirosos que tiñan toda a información conseguiron o apoio de 10 ou 11 para deixarnos a nós sen terras, conten cos nosos votos para BOTALOS , que non somos poucos os que o imos facer.

Temos agasallos para todos, este é para o BNG.

Señores Manuel Rei (istoriador) e Emilio Salorio (sindicalista), vostedes tentan seguir na política municipal.
Hai 7 anos, EINSA presentou outra recalificación pero a vostedes so lles dixeron que ían poñer un poste. Hai que pensar ben con quen se alían ou ler os expedientes antes de votar.
Nós vamos facer un bo esforzo para colaborar convosco na campaña electoral que temos preto e garantímoslles o noso voto para BOTALOS.

Tamén temos para o PSOE:

Señor Agustín Vilariño (letrado) vostede quere recuncar, pero agora como alcalde. Temos unha dúbida, ¿non se pegarán con moita facilidade os defectos dos anteriores?
No agosto do 2000 deuse o mesmo caso que agora, e vostede estaba no goberno. Daquela os señores do BNG dicían que EINSA só ía poñer un poste. ¿E vostede qué dicía antes? e, ¿que di agora? non contará que lle imos dar o voto a quen nos mentiu e quixo enganar, se llo damos e para BOTALO moi lonxe do goberno.

A Mari Carme Cascallar (docente) que é novata, dicirlle que teña moito ollo, non sexa que “llas metan co rabo para a corte”.Aínda que tanto lle ten, pois como ó señor Belarmino a súa vila é Cabanas, porque vostede vive alí, ¿ou os da “famiglia” do outro lado da ponte xa teñen o cupo cuberto? Garantímoslles como os anteriores que imos votar para BOTALA.

Non sabemos se darlle... ¡Pero ímoslle dar! A Don Manuel Agras (Chacho) ¡Xa está ben de cambiar de camisa ou chaqueta! Sería ben que deixase de prexudicar ós habitantes deste concello, que segundo vostede tanto lle quitamos de durmir, pois durma señor Chacho, durma e non prexudique, que o señor de EINSA pode que pague outras cousas, pero non quilometraxe, e as viaxes alí son repetidas, supoñemos que non han de ser para pedir traballo.

¡NÓS SEGUIREMOS DEFENDENDO AS NOSAS TERRAS!

12 de abr. de 2007

Pontedeume, ría vedada


Once rías galegas están vedadas ao marisqueo pola contaminación. Entre elas atópase a de Pontedeume que está clasificada como zona C.
Para a Consellaría de Pesca a clasificación de zonas de produción de moluscos en A, B ou C segundo a calidade das augas, vén dada por unha normativa comunitaria de 2004 que entrou en vigor no mes de xaneiro de 2006. Segundo a lei europea, os produtos extraídos na zona A pódense vender directamente para consumo en fresco, mentres que os procedentes da zona B deben pasar por un proceso de depuración. Os moluscos de zona C só poderán ser consumidos tras a súa reinstalación en zonas limpas.

A nova clasificación, afirma a Consellaría, presenta unha alta porcentaxe de zonas de produción B e isto foi posible grazas ao intenso traballo de mostraxes levado a cabo polos técnicos da Consellería de Pesca. Ata agosto de 2005 os puntos de referencia para coñecer a calidade das augas eran escasos e representaban unha grande extensión de superficie; o que se traducía nun grande número de zonas C. Despois de triplicar os puntos de mostraxe existentes, conseguiuse que preto do 95% das zonas de marisqueo galegas se calificasen como B.

Non é o caso de Pontedeume que sigue coa C sobre as súas costas. E a razón está nos verquidos á ría procedentes dos desaugues que non son conectados á rede de depuración de augas residuais. Algúns dos concellos afectados o son por non dispor de depuradoras, outros por mor da presión urbanística e os menos, como Pontedeume, por un uso deficiente das depuradoras existentes. A Consellaría de pesca lembra aos concellos que a depuración das augas residuais é competencia destes.