17 de set. de 2007

Atascos en Pontedeume


A Xunta está a impulsar as Áreas Metropolitanas como unha nova forma de descentralización. Haberá dúas grandes áreas, a de Vigo-Pontevedra e a de Coruña-Ferrol. Nestas dúas áreas se concentrará a meirande actividade económica de Galiza. Que significa a creación das Áreas Metropolitanas? Trátase de que os concellos englobados nestas grandes áreas funcionen como un único estamento, que compartan depuradoras e plantas de lixo, que coordinen os portos, que harmonicen os seus planos de urbanismo, e que dispoñan un transporte metropolitano común. Un transporte que incluirá barcos, trenes, autobuses e estradas libres de peaxe. De feito unha proposta oficial contempla eliminar a peaxe entre Vigo e Pontevedra. "O transporte metropolitano será unha revolución e unha aposta clara pola competitividade do transporte público. Haberá zonas de transferencia, billetes únicos sen penalizar o transbordo, para que os cidadáns que usen o transporte metropolitano non teñan que volver pagar ao incorporarse ao urbano de Vigo", explicou Caride.
Pontedeume formará parte da Área Metropolitana de Coruña-Ferrol. Tendo en conta os obxectivos antes sinalados, será inevitábel a eliminación de peaxe entre Ferrol e Coruña. Esta medida, que ninguén discute como a solución para erradicar definitivamente os atascos de tráfico en Pontedeume, debería ser adiantada no tempo. Non é utópico reclamar a eliminación da peaxe entre Ferrol e Miño. A solución a este grave problema xustifica todo esforzo que se faga. A redución de beneficios para a empresa concesionaria non debe ser esgrimida como oposición a esta proposta. O Estado debe garantir o normal funcionamento do tráfico rodado e o benestar dos cidadáns fartos de soportar retencións e gastos nos seus desprazamentos. Dende un punto de vista social, os elevados beneficios de Audasa, que só en peaxes recaudou 138 millóns de euros no 2006, non poden pesar máis que os importantes gastos que o Estado debe acometer para solucionar os problemas de tráfico en Pontedeume e as incomodidades ocasionadas aos cidadáns. Esta é pois a única solución viábel e razonábel