21 de abr. de 2007

Quen o entende?

Reprodúcese aquí un escrito de Manuel Rei, concelleiro do BNG en Pontedeume e unha das voces máis críticas cos que defendemos un urbanismo racional e sostíbel para este concello.
Di M. Rei que o feísmo urbanístico existe "pero, sen eximírmosnos da reponsabilidade que cada un de nós temos en tanto desleixo e caos, o certo é que sería de xustiza repartir as culpas coas nosas institucións que nos gobernan e coas grandes empresas que operan, con alevosía ás veces, no noso territorio. Eles foron e son os máximos responsabeis de que teñamos chegado á situación actual"
"A administración autonómica e grandes empresas, en connivencia, teñen contribuido a todo este feísmo. Daquela, non é feismo a grande escala todo o cableado que inza as fachadas das casas de todas as vilas, aínda que sexan conxuntos históricos e monumentais?

"Agardo só que por parte dos organismos se lexisle, se conciencie aos cidadáns e se planiifique de xeito racional o uso do noso territorio"

As institucións e grandes empresas, as primeiras responsabeis da situación actual. Unha conclusión nada orixinal que proclamaron hai tempo as organizacións cidadáns que se opoñen ao urbanismo criminal que afea as nosas vilas. Esquece o concelleiro que el forma parte dunha institución que contribuíu ás maiores aberracións urbanísticas que se deron en solo eumés. E non se fala só de edificios como o de Caldagueiro ou da antiga casa de D. Pablo. Tamén o cableado, que Rei critica, forma parte dese feísmo que poido ser erradicado mais o Concello de Pontedeume, ao que el pertence, non quixo facelo. Ocasións non lle faltaron cando se levantaron diversas rúas para a súa reconstrución.
Este afastamento da realidade, ou mellor, esta acomodación do discurso aos intereses partidistas, pode propiciar a asistencia de políticos como M. Rei á manifestación do 6 de maio en Compostela.