4 de abr. de 2007

O feudo de Andrade


O que está a suceder en Andrade non é máis que un exemplo do intemporal de certas leis. Ou unha maldición dos espíritos do pasado se cresemos neles. Algúns historiadores pensan que épocas que xa se daban por rematadas deixan un turbio pouso na historia presente. E así parece suceder co feudalismo, un sistema social no que os señores eran propietarios das terras e das persoas. Dunha forma máis sutil tamén hoxe pódese posuir ámbalas dúas cousas. Aos homes se lles merca, as terras exprópianse.
A recalificación de terreos no lugar de Andrade, por iniciativa dun particular e coa bendición do Concello de Pontedeume, non sería tan escandalosa se non fose polo feito de que algúns dos terreos que pasarán a gozar doutra cualificación son de particulares que non solicitaron nin desexan tal cambio. E non o desexan porque son conscientes que iso supón unha perda do seu valor catastral.
Pero os propietarios, vocablo neste caso cuestionábel, non son donos dos seus terreos. Decide EINSA, unha empresa que baixo o estandarte da industrialización quere apropiarse do que durante séculos pertenceu a familias modestas que traballaron as terras como única forma de vida e de sustento. E aquí é onde se cuestiona a razón de ser das leis e institucións. O Concello de Pontedeume, en pleno, votou por conceder este privilexio aos novos señores feudais, desoindo e ignorando os intereses dos verdadeiros propietarios das fincas. E como deixando claro quen manda, o alcalde, home dado a improperios cando non goza doutros recursos, desafía aos afectados a defenderse.
Non é a diplomacia unha cualidade propia dos "nosos" representantes. Atrévense a dicir que as fincas a recalificar son todas propiedade de Einsa e non sabemos se o din por tentar enganar aos futuros votantes ou porque se adiantaron no tempo e xa dan por expopiadas as propiedades. E engaden que fixeron o que tiñan que facer, que é traer riqueza ao pobo de Pontedeume, confundindo o destinatario desta opulencia.
Porque se falamos de intencións hai que desbotar a idea que detrás dese proxecto hai unha ampliación industrial. Os mesmos empresarios destacan a creación dun centro de ensino, tal vez unha guardería para os prolíficos traballadores de EINSA, o que os califica como inexpertos vendedores de ideas e descúbreos como maquiavélicos promotores inmobiliarios. Porque diso se trata, dunha recalificación que agocha unha operación especulativa como non ten parangón en Pontedeume. Un auténtico pelotazo urbanístico que pode deixar na rúa aos traballadores desta empresa que xa hai un ano confesaba ter problemas para dar traballo a todos os seus empregados e agora, inexplicablemente, di querer ampliar a fábrica.
Queda un misterio por resolver. Quen convenceu aos rexedores para apurar este cáliz?