Onte celebrouse unha reunión cos propietarios dos terreos afectados pola recalificación que promove EINSA. Os convocantes eran Manuel Rei e Emilio Salorio, ámbolos dous concelleiros do BNG en Pontedeume. Mais a convocatoria non partía do Concello, como sería lóxico, senón que era unha iniciativa do BNG. Non debe extrañarnos se temos en conta que a lóxica foi erradicada desta vila hai moitos anos.
Poderíase pensar que o motivo da reunión era tranquilizar aos veciños que agora, sen desexalo, poden perder as súas propiedades; ou informalos da situación; ou ofrecerlles algún tipo de axuda. Nada máis lonxe da realidade. O ton empregado e as ameazas veladas facíaos retroceder no tempo a sistemas xa extintos.Díxoselles aos presentes que non tiñan outra opción que aceptar a recalificación promovida porque do contrario viría aprobada no novo PXOM. Por se non abondase coa chantaxe culpouse aos insolentes veciños de crispar os ánimos, algo moi propio daqueles que se opoñen ao progreso por non entender as leis que rexen os mercados financieiros.
E demostrando que a diplomacia nunca foi unha cualidade propia de caciques locais, Manuel Rei chegou a afirmar que "en principio a recalificación era para ampliar a fábrica pero que logo podería ser para outra cousa". Algo parecían saber para lanzar sen rubor semellante posibilidade. A mesma desvengonza que amosaron cando un dos veciños leu a noticia espallada polo colectivo Fusquenlla segundo a cal os administradores de EINSA crearon hai un ano unha sociedade inmobiliaria, un feito que iluminaría as ocultas razóns desta pretensión empresarial. Unha intervención que foi acompañada por un cómplice silencio por parte dos rexedores Rei e Salorio.
Tamén se lles informou aos asistentes que a empresa EINSA tiña pensado presentar un novo proxecto de recalificación no que algúns dos terreos afectados na primeira proposta quedaban fóra deste novo estudo. Moi claro debe telo o Sr.(?) Martínez Mendaña para atreverse a "rerrecalificar" un proxecto en trámite. Debe supoñer, con razón, que o pleno ten a obriga de reunirse de novo para pulir aquelas deficiencias ou imperfeccións do escrito inicial. Para iso lles pagan, aínda que non se sabe canto.
Cando hai pouco máis dun ano a familia Martínez presentou unha reestruturación de plantilla que ía deixar na rúa a decenas de traballadores, houbo unha mobilización social na que estaban presentes os concelleiros do BNG. Agora estes mesmos políticos patrocinan unhas medidas que poden conducir irremediablemente ao peche desta fábrica en Campolongo. Difícil explicación para este cambio de actitude se temos en conta o curto espazo de tempo transcorrido dende entón.Incomprensíbel esta condescendencia cos que teñen como único obxectivo a obtención doada de grandes beneficios.Ignorantes os nosos concelleiros de que a riqueza non se crea nin se destrúe, só cambia de mans, non vacilan en votar favorablemente as pretensións dos fillos predilectos de Pontedeume. Para iso son predilectos.
Descoñécese se alguén máis sae beneficiado por estas medidas. De non ser así, todo sería máis absurdo.