Algo está a pasar en Pontedeume. De repente varios chalés construídos en terreos de Boebre e Nogueirosa están postos á venda en varias inmobiliarias. A nova non tería nada de particular se non fose porque todos eles están no punto de mira da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística, a cal xa abríu cadanseus expedientes por infraccións tales como construír en terreos rústicos ou de especial protección costeira.
Estes promotores que non tiveron reparos en construír vulnerando a legalidade e facendo caso omiso das ordes de paralización que a administración cursaba, amosan tamén unha total falta de escrúpulos pretendendo vender a incautos compradores unhas propiedades que en calquera momento poden ser derrubadas pola piqueta xudicial.
O goberno local de Pontedeume ten a obriga de informar publicamente das infraccións que se cometen en materia urbanística así como de publicar os expedientes abertos pola administración contra estas vivendas que se levantaron en terreos prohibidos e, en moitos casos, procedendo a unha segregación do chan rústico. De non facelo así estaría ocultando a comisión dun delito urbanístico e amparando un presunto delito de fraude resultado da venda fraudulenta de inmobeis sobre os que pesan expedientes administrativos.