O goberno local anuncia que xa ten os informes sectoriais que precisaba para seguir coa tramitación do PXOM e como resultado vai acometer o estudo das 600 alegacións que a cidadanía presentou ao proxecto de Consultora Galega. Mais os deberes non se presentan tan doados.
Algún dos informes sectoriais non é positivo pero o responsábel de urbanismo non aclara cal. Dependendo da gravidade das anomalías detectadas as modificacións a introducir poden alterar en maior ou menor medida o plan inicialmente aprobado.
Porén os maiores problemas virán da adaptación do PXOM á nova lei do solo, un requisito que no caso de Pontedeume non era necesario por ter aprobado o plan de forma inicial antes da promulgación das novas leis que "pretenden" ordenar o territorio: POL, lei de ordenación do territorio e nova lei do solo. Se o goberno local opta pòr adaptar o plan á nova lexislación é porque busca favorecer a determinados promotores aos que o borrador inicial prexudicaba. Propietarios que construíron as súas vivendas con licenzas ilegais (nalgúns casos sen licenza) estaban agardando unha nova lexislación máis permisiva que lles facilitase legalizar os seus chalés. Este foi un dos motivos do atraso na aprobación do PXOM que evidenciou ata que punto os responsabeis do Concello se dobregaron aos intereses particulares dos que ocuparon ilegalmente o chan. As reunións que estes promotores tiveron cos responsabeis do urbanismo local foron constantes e públicas, demostrando que o executivo prioriza as infraccións urbanísticas por riba do interese común.
Pero atender as demandas dos infractores supón tamén reiniciar de forma total a aprobación do PXOM pois as modificacións que haberá que introducir esixen volver a expoñer publicamente o proxecto para presentar novas alegacións. É dicir, volver a comezar dende cero a agardar outros anos máis antes de que Pontedeume teña un plan de urbanismo imprescindíbel para avanzar na defensa do seu territorio.