Nada máis chegar os primeiros turistas á comarca o servizo de auga resíntese dende Boebre ata Ombre. Escasa presión e frecuentes cortes son as molestias habituais que temos que soportar os veciños de Pontedeume. Tamén Cabanas sofre do mesmo mal pero o alcalde (PP) non ten reparos en buscar unha solución ao derroche da auga que fomentan os turistas cabaneses a costa dos intereses de Pontedeume. A solución á que se refire o alcalde de Cabanas é utilizar a captación do río Eume na Alameda que dá abastecemento a Pontedeume. Castrillón propón repartir a miseria entre os dous concellos e quedarse cos beneficios do turismo.
A escaseza da auga é un problema que este ano vese incrementado pola seca que acompaña a chegada do verán. Non hai que mirar para os campos das nosas comarcas para decatarse da gravidade do problema. Como en todo, hai unha excepción: o campo de golf do complexo de Fadesa en Perbes. Pero as solucións deben ir ao fondo do problema e deben ser permanentes. Non só o verán é a época na que botamos en falta este recurso básico. Ao longo de todo o ano podemos atoparnos con averías na rede de abastecemento (por non falar da nula depuración das augas residuais) motivadas pola tubaxes obsoletas que provocan continuas averías. Urxe modificar de raíz todo o sitema de canalización e mesmo buscar alternativas de captación da auga que nos evite sofrer escaseza e asegure un abastecemento de auga de calidade. Hoxe publica un xornal unha proposta do BNG que parece razonábel e debería ser estudada. Baseada nun estudo da Universidade da Coruña a idea serái captar auga no encoro da Ribeira pero por riba da localidade das Pontes, evitando así a salvaxe contaminación coa que a industria pontesa castiga ao río Eume. Moito nos tememos que esta razonábel idea non vai ser tida en conta polo impacto económica-que non ambiental- que tería sobre as nosas administracións.