18 de ago. de 2011

Quen promove a cultura en Pontedeume?

Estes días celébrase o II curso internacional de música en Pontedeume. Un feito digno de agradecer aos organizadores que, como sempre, son persoas desinteresadas e amantes da cultura musical. Neste certame participan profesores de  Indiana, Xénova, Cataluña e Salamanca. Os alumnos proceden de distintos países e a todos úneos a linguaxe internacional da música. 
Este tipo de actividades, escasas na nosa vila, merecen o apoio incondicional das administracións públicas. Estamos afeitos a ver como a iniciativa persoal de respetabeis cidadáns suple as deficiencias do Concello de Pontedeume. Este limítase, nalgúns casos, a colaborar económicamente e de forma cicatera cando o que debería facer é impulsar a cultura organizando actividades merecedoras do recoñecemento social e que sirven para proxectar internacionalmente a imaxe de Pontedeume.
Se pensamos por un intre naquelas actividades que permiten á xuventude formarse na cultura e no deporte e buscamos aos autores do éxito acadado, veremos que sempre hai detrás destas tarefas un grupo de persoas que de forma desinteresada e durante moitos anos adicaron parte do seu tempo a traballar pola colectividade. E que este traballo case nunca foi recompensado nin recoñecido polas autoridades locais. Ao sumo acordáronse del para colgarse as medallas que non lles corresponden.