A emprersa Galicia Mar Renovables está a desenvolver un proxecto na ría de Ares para a obtención de enerxía a partir das ondas mariñas. O conselleiro Javier Guerra e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, visitaron as instalacións nas que se están realizando as primeiras probas. Pola contra o alcalde de Ares, lugar onde está instalada a primeira boia na que se estudará a creación de enerxía undimotriz, lamentouse de non ser informado do proxecto.
Unha vez máis o segredo é a tónica habitual de certos proxectos que a administración, xunto con empresas particulares, leva a cabo no nosos territorio. Tenta deste xeito ocultar os posibeis impactos negativos que estes traballos terían sobre o medio ambiente e, neste caso, sobre o fondo das nosas rías xa abondo castigadas pola neglixencia da administración.
Compre coñecer con precisión o alcance dunha medida que pode afectar tanto ao ecosistema mariño como ás condicións de traballo dos pescadores da ría. O Concello de Pontedeume debería esixir a publicidade do proxecto e sometelo a un estudo independente para valorar os pros e contras da obtención de enerxía nun lugar como a ría de Ares na que numerosas familias e o sector turístico teñen unha fonte de ingresos que inciden na economía local. Lonxe de traballar pola conservación da ría, altamente contaminada e en exceso edificada, pódese estar a causar un novo prexuizo que empeore a xa de por si pésima situación da ría.
Ver aquí videos da empresa deste proxecto