26 de ago. de 2011

O fraude dos residuos

Que Pontedeume se distingue pola acumulación do lixo nas rúas e parroquias é algo evidente. E ademais, noxento e impropio dun concello que presume de ofrecer aos visitantes un destino de calidade. A imaxe que se dá aos turistas nacionais e estranxeiros é deplorábel. 
Pero non é este o único problema derivado dos residuos. Recentemente destapouse en Galiza un fraude na reciclaxe dos residuos urbanos xestionados por diversas empresas. Como se sabe os residuos son separados segundo a súa orixe para recibir tratamento distintos. Os residuos orgánicos sepáranse dos plásticos e envases lixeiros. Por cada tonelada de resiudos orgánicos os concellos deben pagar a Sogama unha cantidade de 50 euros (cantidade que aportamos os veciños nas taxas de recollida do lixo); por cada tonelada de plásticos recollidos o concello recibe 200 euros. 
O fraude, posiblemente económico, consistía en mesturar no mesmo camión os residuos orgánicos e os plásticos. A denuncia partíu de veciños de distintos concellos que contemplaban como os residuos que eles civicamente separaban en contenedores distintos eran logo xuntados polos responsabeis da recollida do lixo. Unha imaxe que moitos eumeses tamén poderon apreciar nalgún intre cando os camións encargados de baleirar os contenedores subterráneos mesturaban o contido destes.

Non corren mellor sorte os residuos dos aparatos eléctricos ou electrónicos. A Fiscalía investiga un fraude masivo porque apenas chegan aparatos ás plantas de reciclaxe, reciclaxe que tamén paga o consumidor.

18 de ago. de 2011

Quen promove a cultura en Pontedeume?

Estes días celébrase o II curso internacional de música en Pontedeume. Un feito digno de agradecer aos organizadores que, como sempre, son persoas desinteresadas e amantes da cultura musical. Neste certame participan profesores de  Indiana, Xénova, Cataluña e Salamanca. Os alumnos proceden de distintos países e a todos úneos a linguaxe internacional da música. 
Este tipo de actividades, escasas na nosa vila, merecen o apoio incondicional das administracións públicas. Estamos afeitos a ver como a iniciativa persoal de respetabeis cidadáns suple as deficiencias do Concello de Pontedeume. Este limítase, nalgúns casos, a colaborar económicamente e de forma cicatera cando o que debería facer é impulsar a cultura organizando actividades merecedoras do recoñecemento social e que sirven para proxectar internacionalmente a imaxe de Pontedeume.
Se pensamos por un intre naquelas actividades que permiten á xuventude formarse na cultura e no deporte e buscamos aos autores do éxito acadado, veremos que sempre hai detrás destas tarefas un grupo de persoas que de forma desinteresada e durante moitos anos adicaron parte do seu tempo a traballar pola colectividade. E que este traballo case nunca foi recompensado nin recoñecido polas autoridades locais. Ao sumo acordáronse del para colgarse as medallas que non lles corresponden.

15 de ago. de 2011

As débedas das administracións

Nova do día: As facturas impagadas das Administracións multiplicáronse por catro desde o estalido da crise, ata superar os 50.000 millóns. Afecta con contundencia aos empresarios de obra civil, 15.050 millóns de débeda.
O tempo permítenos dilucidar se certas medidas adoptadas polos políticos son acertadas ou non. Cando estoupou a burbulla inmobiliaria o Goberno propiciou a obra civil para paliar as perdas dos empresarios da construción, unhas perdas motivadas pola construción sen freo que cementou gran parte das nosas vilas e cidades.
Pero esa obra civil que foi cuestionada por moitos ecoloxistas e que favorecía a proliferacion de infraestruturas innecesarias e de alto custo económico (portos deportivos, paseos marítimos, alta velocidade) agora non pode ser pagada e aumenta o déficit das arcas públicas. A grandes males, peores remedios.

12 de ago. de 2011

Déficit de auga no verán

Nada máis chegar os primeiros turistas á comarca o servizo de auga resíntese dende Boebre ata Ombre. Escasa presión e frecuentes cortes son as molestias habituais que temos que soportar os veciños de Pontedeume. Tamén Cabanas sofre do mesmo mal pero o alcalde (PP) non ten reparos en buscar unha solución ao derroche da auga que fomentan os turistas cabaneses a costa dos intereses de Pontedeume. A solución á que se refire o alcalde de Cabanas é utilizar a captación do río Eume na Alameda que dá abastecemento a Pontedeume. Castrillón propón repartir a miseria entre os dous concellos e quedarse cos beneficios do turismo.
A escaseza da auga é un problema que este ano vese incrementado pola seca que acompaña a chegada do verán. Non hai que mirar para os campos das nosas comarcas para decatarse da gravidade do problema. Como en todo, hai unha excepción: o campo de golf do complexo de Fadesa en Perbes. Pero as solucións deben ir ao fondo do problema e deben ser permanentes. Non só o verán é a época na que botamos en falta este recurso básico. Ao longo de todo o ano podemos atoparnos con averías na rede de abastecemento (por non falar da nula depuración das augas residuais) motivadas pola tubaxes obsoletas que provocan continuas averías. Urxe modificar de raíz todo o sitema de canalización e mesmo buscar alternativas de captación da auga que nos evite sofrer escaseza e asegure un abastecemento de auga de calidade. Hoxe publica un xornal unha proposta do BNG que parece razonábel e debería ser estudada. Baseada nun estudo da Universidade da Coruña a idea serái captar auga no encoro da Ribeira pero por riba da localidade das Pontes, evitando así a salvaxe contaminación coa que a industria pontesa castiga ao río Eume. Moito nos tememos que esta razonábel idea non vai ser tida en conta polo impacto económica-que non ambiental- que tería sobre as nosas administracións.

10 de ago. de 2011

Destrución custe o que custe

Informe 2011 sobre o litoral. (Greenpeace)

Hai quen seguen empeñados en dar continuidade á burbulla inmobiliaria e atoparon no formigón dos portos o perfecto substituto ao ladrillo. O litoral é a contorna natural que máis beneficios económicos xera en España e a destrución da costa afecta directamente á nosa capacidade de desenvolvemento económico a longo prazo. O Ministerio de Fomento debe dar un cambio no actual modelo de desenvolvemento portuario, comezando cunha moratoria ás ampliacións, para que a crise do ladrillo non se traslade ao formigón e por ela paguen, como sempre, os cidadáns e o medio ambiente.

Durante estes anos e á sombra do boom inmobiliario, produciuse un crecemento desproporcionado de obras portuarias. Greenpeace analizou como o fin da burbulla inmobiliaria non supuxo o fin destoutra "burbulla infraestructural" que, a pesar da crise económica, continuou crecendo a un ritmo que non se corresponde nin coa realidade económica actual nin coas previsións de futuro.


Escasos beneficios económicos, alto custo ambiental
Os portos do Estado son infraestruturas de gran capacidade que poden ser razoables cando o tráfico de mercancías e de pasaxeiros xustifícanas. Con todo, estanse levando a cabo ampliacións e propondo novas obras, cando o tráfico da maioría destes portos non chega ao mínimo da súa capacidade. Todos estes proxectos supón grandes investimentos públicos cun elevado custo ambiental. Ademais, a maioría destas obras necesita ir acompañada de accesos por estrada e ferrocarril e os terreos próximos empréganse para a construción de polígonos industriais. Estas infraestruturas paralelas ao propio porto aumentan o gasto total e o impacto ambiental, que non se avalía de forma integral co do propio porto.
Resultaría moito máis rendible para a economía e para o medio ambiente investir en mellorar a superficie portuaria xa existente e facela máis sostible en lugar de embarcarse en grandes e custosas obras.


Sabías que...?
O porto de Vigo ocupa dez veces máis costa que o monstro urbanístico de Mariña d'Or.
Algúns portos do Estado están a poucos quilómetros uns doutros. Ferrol-Coruña: 28 km
O custo final do porto exterior en Langosteira (A Coruña) será catro veces maior ao orzamento anual de 2010 da Xunta para a pesca, unha das principais actividades galegas.

Principais impactos ambientais dos portos sobre o litoral

Destrución física directa do medio mariño e costeiro
Destrución da paisaxe.
Aumento da contaminación acústica.
Diminución da calidade do aire.
Modificación da dinámica litoral e as correntes mariñas.
Destrución do patrimonio xeolóxico.
Impactos sobre o leito mariño circundante para extraer mediante dragado material de recheo.
Impactos directos e indirectos sobre fauna e flora.
Destrución de caladoiros de pesca e marisqueo.
Fonte de ameazas continuas a Espazos Naturais Protexidos.
Modificación no transporte de sedimentos, alterando irreversiblemente praias, dunas e cantiis.
Contaminación ambiental e verteduras constantes.
Aumento da probabilidade de accidentes e verteduras puntuais.
Eliminación da capacidade natural da fronte litoral de amortecer e adaptarse aos efectos da subida do nivel do mar na costa.
Eliminación da capacidade natural da costa de absorber a enerxía dos temporais, co consecuente gasto para refacer as infraestruturas portuarias danas polos temporais.

Máis portos, menos turismo, menos pesca
Para xustificar o desenvolvemento destas infraestruturas esgrímese o suposto beneficio económico e de emprego que se xerará, pero non se sinala o impacto económico sobre outras actividades como o turismo e a pesca. O litoral é a contorna natural que máis beneficios xera en España. Estímase que a costa española pode producir máis de 7.000 millóns de euros anuais. Con todo, estase enterrando baixo o formigón a liña de costa e o medio mariño.
Existe un efecto ambiental directo sobre as praias, nas que se perden grandes cantidades de area por dragados e recheos coa consecuente redución de potencial turístico. Barcelona, Almería ou Málaga son exemplo de grandes cidades turísticas nas que máis costa urbana perdeuse polas actuacións portuarias.
A pesca costeira e artesanal é unha fonte importante de ingresos e con todo é a gran prexudicada polo desenvolvemento destas infraestruturas. Tan só na construción do porto exterior da Coruña en Langosteira, o dano ao sector pesqueiro estímase en 27 millóns de euros.

7 de ago. de 2011

Proxecto oculto na ría de Ares

A emprersa Galicia Mar Renovables está a desenvolver un proxecto na ría de Ares para a obtención de enerxía a partir das ondas mariñas. O conselleiro Javier Guerra e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, visitaron as instalacións nas que se están realizando as primeiras probas. Pola contra o alcalde de Ares, lugar onde está instalada a primeira boia na que se estudará a creación de enerxía undimotriz, lamentouse de non ser informado do proxecto.
Unha vez máis o segredo é a tónica habitual de certos proxectos que a administración, xunto con empresas particulares, leva a cabo no nosos territorio. Tenta deste xeito ocultar os posibeis impactos negativos que estes traballos terían sobre o medio ambiente e, neste caso, sobre o fondo das nosas rías xa abondo castigadas pola neglixencia da administración.
Compre coñecer con precisión o alcance dunha medida que pode afectar tanto ao ecosistema mariño como ás condicións de traballo dos pescadores da ría. O Concello de Pontedeume debería esixir a publicidade do proxecto e sometelo a un estudo independente para valorar os pros e contras  da obtención de enerxía nun lugar como a ría de Ares na que numerosas familias e o sector turístico teñen unha fonte de ingresos que inciden na economía local. Lonxe de traballar pola conservación da ría, altamente contaminada e en exceso edificada, pódese estar a causar un novo prexuizo que empeore a xa de por si pésima situación da ría.
Ver aquí videos da empresa deste proxecto

4 de ago. de 2011

As vicisitudes do PXOM

O goberno local anuncia que xa ten os informes sectoriais que precisaba para seguir coa tramitación do PXOM e como resultado vai acometer o estudo das 600 alegacións que a cidadanía presentou ao proxecto de Consultora Galega. Mais os deberes non se presentan tan doados.
Algún dos informes sectoriais non é positivo pero o responsábel de urbanismo non aclara cal. Dependendo da gravidade das anomalías detectadas as modificacións a introducir poden alterar en maior ou menor medida o plan inicialmente aprobado.
Porén os maiores problemas virán da adaptación do PXOM á nova lei do solo, un requisito que no caso de Pontedeume non era necesario por ter aprobado o plan de forma inicial antes da promulgación das novas leis que "pretenden" ordenar o territorio: POL, lei de ordenación do territorio e nova lei do solo. Se o goberno local opta pòr adaptar o plan á nova lexislación é porque busca favorecer a determinados promotores aos que o borrador inicial prexudicaba. Propietarios que construíron as súas vivendas con licenzas ilegais (nalgúns casos sen licenza) estaban agardando unha nova lexislación máis permisiva que lles facilitase legalizar os seus chalés. Este foi un dos motivos do atraso na aprobación do PXOM que evidenciou ata que punto os responsabeis do Concello se dobregaron aos intereses particulares dos que ocuparon ilegalmente o chan. As reunións que estes promotores tiveron cos responsabeis do urbanismo local foron constantes e públicas, demostrando que o executivo prioriza as infraccións urbanísticas por riba do interese común.
Pero atender as demandas dos infractores supón tamén reiniciar de forma total a aprobación do PXOM pois as modificacións que haberá que introducir esixen volver a expoñer publicamente o proxecto para presentar novas alegacións. É dicir, volver a comezar dende cero a agardar outros anos máis antes de que Pontedeume teña un plan de urbanismo imprescindíbel para avanzar na defensa do seu territorio.

3 de ago. de 2011

Chalés ilegais en venda

Algo está a pasar en Pontedeume. De repente varios chalés construídos en terreos de Boebre e Nogueirosa están postos á venda en varias inmobiliarias. A nova non tería nada de particular se non fose porque todos eles están no punto de mira da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística, a cal xa abríu cadanseus expedientes por infraccións tales como construír en terreos rústicos ou de especial protección costeira.
Estes promotores que non tiveron reparos en construír vulnerando a legalidade e facendo caso omiso das ordes de paralización que a administración cursaba, amosan tamén unha total falta de escrúpulos pretendendo vender a incautos compradores unhas propiedades que en calquera momento poden ser derrubadas pola piqueta xudicial. 
O goberno local de Pontedeume ten a obriga de informar publicamente das infraccións que se cometen en materia urbanística así  como de publicar os expedientes abertos pola administración contra estas vivendas que se levantaron en terreos prohibidos e, en moitos casos, procedendo a unha segregación do chan rústico. De non facelo así estaría ocultando a comisión dun delito urbanístico e amparando un presunto delito de fraude resultado da venda fraudulenta de inmobeis sobre os que pesan expedientes administrativos.